IXP Grelos de Galicia
As referencias ao cultivo e consumo do grelo son moi numerosas ao longo dos séculos. Os indicios máis antigos do cultivo das brassicas na nosa terra datan do 3.000 a.C.
Os seus beneficios sobre a saúde e a excelente calidade de grelo de Galicia contribuíron á expansión desta hortaliza fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Os grelos son unha verdura moi utilizada e moi coñecida en Galicia pero que é exótica noutros puntos xeográficos.
En Galicia é un produto estrela e para iso conta coa IXP que abarca todo os municipios da Comunidade Autónoma galega.
A indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia nace en outubro de 2009 como organismo responsable de amparar tanto a produción como a comercialización e distribución do produto máis emblemático da nosa comunidade autónoma. Tamén supón un recoñecemento á nosa hortaliza máis tradicional da nosa gastronomía popular, xa sexa ao natural e en conserva.
Os grelos son as follas do nabo, con todo, non o son en calquera momento xa que para poder consideralos como grelos debemos tomar os talos tenros antes da floración.
De sabor moi particular e forte, lixeiramente acedo, con certo amargor. Na indicación xeográfica inclúense as variedades: o grelo globo branco de Lugo, máis amargo e o grelo de Santiago, máis suave e doce.
Materias primas
O produto amparado baixo a indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia é a parte vexetativa destinada ao consumo humano procedente das plantas de especie Brassica rap (comunmente coñecido como nabo) das variedades correspondentes aos tipos de Santiago e Lugo, así como as variedades rexistradas grelos de Santiago e globo branco de Lugo.
Características do produto
Os grelos non son consumidos en fresco. Para facelos comestibles é necesario sometelos a cocción, polo tanto, as características organolépticas descritas a continuación refírense ao grelo posto en disposición de consumo, é dicir, cocido, xa sexa polo consumidor ou pola industria:
- Cor: verde intensa, máis acentuada a medida que a planta se aproxima ao momento de floración.
- Sabor: lixeiramente acedo, combinado con certo amargor.
- Textura: lixeiramente fibrosa máis acusada se a variedade é de folla estreita con elevada porcentaxe de pecíolos.
- Dureza: moi baixa debido ao baixo contido en fibra alimentaria.
Comercialízanse de distintas maneiras:
- en fresco: en feixes de pesos aproximados de 0,5 ou 1 kg, atados por medio de cintas vexetais ou doutros materiais autorizados.
- conxelados: envasados en bolsas de materiais autorizados.
- en conserva: elaborados ao natural e presentados en envases metálicos ou frascos de vidro.