Produtos
ecolóxicos
Agricultura ecolóxica
CONSELLO REGULADOR
Ronda Mª Emilia Casas Baamonde s/n edif. Multiusos
27400 Monforte de Lemos
Lugo
982 405 300
craega [at] craega.es (craega[at]craega[dot]es)
Agricultura ecolóxica
A produción ecolóxica certificada na Unión Europea instaurouse no ano 1992 de xeito formal para amparar as producións que se realizaban sen emprego de produtos químicos de síntese, sen transxénicos e cunhas normas de produción que favorecían a preservación do ambiente, os solos agrarios, os ecosistemas naturais e a biodiversidade, así como un elevado nivel de benestar animal superior ao que obriga a normativa vixente.
En Galicia é o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) o que ten delegadas como autoridade de control as funcións de inspección sobre os máis de 1000 operadores inscritos.
Materias primas
Os produtos ecolóxicos amparados polo CRAEGA poden ser produtos de orixe vexetal, animal, produtos da acuicultura ou produtos transformados nas industrias elaborados cos anteriores. No caso dos produtos elaborados está restrinxido ao mínimo os aditivos para a alimentación animal, así como coadxuvantes tecnolóxicos, e empréganse preferiblemente na transformación métodos biolóxicos, mecánicos e físicos.
Características do produto
Sería moi longo nomear todas as características de cada un dos produtos ecolóxicos certificados en Galicia, pero no caso dos produtos vexetais poderíase destacar o feito dunhas calidades organolépticas e nutritivas diferentes debidas ao emprego de castes adaptadas ao medio e períodos máis longos de cultivo e maduración. No que respecta ás producións gandeiras está bastante estendido, no caso dos herbívoros, o emprego de animais das razas autóctonas así como unhas características distintas derivadas do emprego de pensos ecolóxicos e o pastoreo obrigatorio.
Nos produtos da acuicultura pode salientarse a sostibilidade na obtención do recurso e unha elevada calidade sanitaria e biolóxica das augas empregadas na produción.