Merca Experiencias de Calidade

IXP Mel de Galicia

O Mel de Galicia é un produto natural e fresco que se produce de xeito artesanal dende hai centos de anos. Está intimamente ligado ao territorio onde se produce e soamente as abellas coñecen o segredo da súa elaboración. Este tesouro galego contén a esencia da nosa paisaxe conformada primordialmente pola flora silvestre, que lle proporciona esas características sensoriais particulares.


Materias primas

O Mel de Galicia procede de colmeas móbiles e obtense por decantación ou centrifugación. Durante o tempo de recollida do mel polas abellas, as colmeas non poden ser sometidas a ningún tratamento químico nin se lles pode subministrar ningún alimento.

Segundo a súa orixe botánica o Mel de Galicia pode ser multifloral ou monofloral dalgún dos seguintes tipos: de eucalipto, de castiñeiro, de silva ou de breixo. Tamén se ampara baixo a IXP Mel de Galicia, o mel de mielada ou de bosque.

Características do produto

O mel é un produto intimamente ligado ao territorio no que se obtén polo que, segundo a súa orixe botánica, o mel de Galicia pode clasificarse en:

 

Mel multifloral: A súa cor poderá variar desde o ámbar claro ao ámbar escuro ou escuro. Presenta olor floral ou vexetal. O seu sabor doce pode presentar matices en función da flora predominante. Tamén pode presentar astrinxencia. 
 

Mel  monofloral de castiñeiro: A porcentaxe mínima de pole de castiñeiro (Castanea  sp.) será do 70%. De cor de ámbar a escuro, ás veces con tons avermellados. Olor preferentemente vexetal. O sabor predominante é o doce, que se adoita complementar con salgado, aínda que tamén pode detectarse sabor amargo e/ou ácido. Pode presentar  astrinxencia.
 

Mel monofloral  de eucalipto: A porcentaxe mínima de pole de eucalipto (Eucalyptus  sp.) será do 70%. De cor ámbar claro ou ámbar, olor floral que polo xeral presenta toques a cera. O sabor predominante é o doce, que se adoita complementar con ácido, aínda que tamén pode detectarse sabor salgado. 
 

Mel monofloral de silva: A porcentaxe mínima de pole de  silva (Rubus  sp.) será do 45%. De cor ámbar claro a ámbar escuro. Son meles con olor floral e/ou  afrutado. O sabor é fundamentalmente doce, aínda que tamén pode detectarse sabor ácido e/ou salgado e/ou amargo. 
 

Monoflorales de breixo: A porcentaxe mínima de pole de breixo (Erica  sp.) será do 30%. A súa cor varía desde o ámbar ao ámbar escuro ou escuro con tons avermellados. O olor é vexetal pero tamén pode presentar olor floral. O sabor predominante é o doce, que se adoita complementar con amargo, aínda que tamén pode detectarse sabor salgado e/ou ácido.
 

Mel de  melada: Presenta cor ámbar escuro a escuro e frecuentemente olor vexetal. Sabor doce, podendo detectarse sabor salgado e/ou amargo.

Queres estar á última das experiencias calidade?