Merca Experiencias de Calidade

IXP Tarta de Santiago

A elaboración da “Tarta de Santiago” é un proceso artesanal transmitido de xeración en xeración, que foi evolucionando en función do progreso tecnolóxico experimentado nos últimos anos para atender as esixencias do mercado, sen perder a súa propia identidade. As técnicas empregadas na fabricación tenden a obter produtos de máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais das tortas amparadas por esta indicación xeográfica protexida.


Materias primas

O produto amparado pola IXP Tarta de Santiago é un doce tradicional galego, cuxos compoñentes básicos son:

- améndoas (mínimo 33% sobre o peso total da masa)
- azucre (mínimo 33% sobre o peso total da masa)
- ovos (mínimo 25% sobre o peso total da masa)

Existen dúas presentacións, torta forrada, é dicir, con base, e torta sen forrar.
Os forros representarán como máximo un 25% do peso total da torta forrada, e admítense dous formatos e composicións:
Forro de follado, no que os ingredientes son fariña de trigo, manteiga, auga e sal.
Forro de pasta brisa (ou brisé) no que os seus ingredientes son fariña de trigo, manteiga, azucre refinado, ovo enteiro, leite e sal.

Características do produto

As características da “Tarta de Santiago” son as seguintes:

  • Forma: redonda con cuberta de azucre glasado onde figurará a Cruz da Orde de Santiago como sinal de identidade propia
  • Aroma: típico a xema e améndoa
  • Cor: cobertura branca en superficie debido á decoración con azucre glasado e cor dourada ao corte.
  • Sabor: típico a améndoa.
  • Textura: esponxosa e granulada.

Queres estar á última das experiencias calidade?