Os viños do Ribeiro son viños de paisaxe e territorio, tradicionalmente elaborados por sabias mesturas de variedades autóctonas, cada unha delas achega as súas peculiaridades para obter viños auténticos e xenuínos.
Valdeorras, comarca situada na parte nororiental da provincia de Ourense, está moldeada por un profundo val fértil e luminoso polo que discorre, apracible, o río Sil, señor dunha paisaxe máxica, de terras vermellas e negras, onde medran o castiñeiro, a vide e a oliveira.
O especial microclima de Monterrei, xunto cos solos, as variedades de uva e a creatividade dos adegueiros fan que estes viños posúan unha marcada personalidade.
Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas poden presumir da súa riqueza, non só polos aromas e sabores que transmiten, senón por todas as sensacións e imaxes que evocan.
Estes viños son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o efecto do factor humano.
As condicións límite de luz e temperatura son características propias desta zona para obter viños singulares. As viñas están plantadas en solos francos e profundos, propios desta área xeográfica.
Estes viños teñen unha historia detrás, a dunha cultura do viño moi arraigada na sociedade, a dun territorio de gran potencial que se resiste ao abandono dos viñedos e, en definitiva, a do traballo e esforzo de moitos viticultores, adegas e outras entidades do territorio que impulsaron a aprobación dun selo de garantía que ampara e valoriza os seus viños como uns viños singulares.
Ao longo dos séculos os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas para o cultivo, en solos sobre os que, en moitas ocasións, tiveron que construír muros para conter o terreo, frecuentemente en ladeiras, configurándose así unha paisaxe singular modelada polo home.