IXP Faba de Lourenzá
A partir do ano 1960 produciuse un gran incremento da produción de fabas na Mariña lucense, sobre todo no termo municipal de Vilanova de Lourenzá, alcanzando unha gran calidade, o que fixo que adquirisen un gran recoñecemento nos mercados e entre os consumidores. Así, na actualidade, as fabas desa zona son coñecidas no mercado como “Fabas de Lourenzá”.
Na actualidade é de destacar a “Festa da Faba de Lourenzá”, que se celebra a primeira fin de semana de outubro desde no ano 1991 co obxectivo de recuperar o prestixio da faba da zona. Esta festa foi declarada festa de interese turístico por Resolución do 26 de febreiro de 2001 do Consello da Xunta de Galicia.
Ademais na maioría das guías gastronómicas actuais non faltan alusións ás denominadas Fabas de Lourenzá, onde se recollen unha gran cantidade de receitas con este tesouro culinario.
Materias primas
O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá son fabas secas separadas do casulo, procedentes da familia das Fabáceas ou Leguminosas, especie Phaseolus vulgaris L., da variedade local coñecida como “faba galaica”, sas, enteiras, limpas e destinadas ao consumo humano.
Características do produto
As fabas comercializadas co amparo desta indicación xeográfica presentan as seguintes características:
- Forma: de ril, longa, semichea
- Cor: branca uniforme
- Tamaño: moi grande (80-120 g/100 sementes)
- Humidade entre 14 – 17%
- Escasa proporción de pel, entre o 8 e o 10%
- Elevada capacidade de absorción de auga, superior ao 100%