Merca Experiencias de Calidade

IXP Pemento de Mougán

O pemento de Mougán é un ecotipo local cultivado dende tempos moi remotos polos agricultores de Guntín. Como consecuencia da súa limitada produción e da súa escasa difusión ao longo dos anos, o seu cultivo non se estendeu fóra do devandito ámbito xeográfico, aínda que hai testemuños de emigrantes que levaron a planta a outras zonas de España para producir alí os pementos, pero con resultados desalentadores en todos os casos, o que denota a importancia do ecosistema de produción nas calidades do produto.

As prácticas tradicionais dos agricultores locais mantendo e seleccionando as mellores plantas ao tempo que adaptando as técnicas de produción ás condicións do territorio, deron como resultado un produto diferenciado e de gran popularidade. A selección practicada polos agricultores locais así como o seu coidado por evitar hibridacións indesexadas foron factores decisivos á hora de obter un pemento homoxéneo de características ben delimitadas.


Materias primas

Os pementos amparados pola Indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán son os froitos da especie Capsicum annuum, L., do ecotipo local coñecido por ese mesmo nome.

Características do produto

As características do froito destinado á comercialización son as seguintes:

  • Forma: cadrada, con ápice con tres ou catro cantos
  • Peso: 6 - 15 g por unidade
  • Lonxitude do froito: 3 - 6,5 cm
  • Diámetro: 2,5 - 4 cm
  • Pedúnculo: 2 - 5 cm, sempre de menor lonxitude que o froito, é ríxido e con curvatura
  • Pel: cor verde escura brillante
  • Cata: carne de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada

Queres estar á última das experiencias calidade?