IXP Castaña de Galicia
Ata a chegada dos cultivos americanos, as castañas foron unha fonte de alimento indispensable na cociña galega, sobre todo en áreas rurais e de montaña. Servían para calmar a fame nos tempos de escaseza. Asadas, cocidas, no caldo, con leite... Hoxe, séculos despois, constitúen un produto autóctono cada vez máis apreciado gastronomicamente que conta co seu propio selo de calidade.
Medio Natural
O ámbito xeográfico de produción da IXP Castaña de Galicia comprende unha boa parte do territorio galego, o que se atopa delimitado ao oeste pola Dorsal Galega e ao norte pola serra do Xistral.
Así, dende o punto de vista administrativo, a zona de cultivo e recolección abrangue:
- Provincia da Coruña: comarca de Terra de Melide e os concellos de Arzúa e Boimorto.
- O conxunto da provincia de Lugo, a excepción dos concellos da Mariña.
- A totalidade dos concellos da provincia de Ourense.
- Provincia de Pontevedra: as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e do Deza e os concellos de Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis.
O castiñeiro require un réxime de choivas elevado e, mellor, uniformemente distribuídas ao longo do ano. A área delimitada de amparo correspóndese cos valores pluviométricos máis apropiados para o cultivo da castaña, producíndose ademais unha certa seca estival, circunstancias ambas que favorecen a calidade das castañas.
O castiñeiro non soporta temperaturas extremas. Galicia conta cun clima caracterizado por temperaturas tépedas, cun valor medio ponderado anual de 13 ºC. A área delimitada presenta ademais temperaturas estivais elevadas que favorecen a maduración e o desenvolvemento dos froitos.