IXP Ribeiras do Morrazo
Estes viños teñen unha historia detrás, a dunha cultura do viño moi arraigada na sociedade, a dun territorio de gran potencial que se resiste ao abandono dos viñedos e, en definitiva, a do traballo e esforzo de moitos viticultores, adegas e outras entidades do territorio que impulsaron a aprobación dun selo de garantía que ampara e valoriza os seus viños como uns viños singulares, representativos da identidade destas terras e de calidade contrastada.
Medio Natural
Dentro da zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo se encontra por baixo dos 150 m sobre o nivel do mar. Está situada na zona costeira (península do Morrazo e fondos das rías de Pontevedra e Vigo), en terreos de ladeira, con suaves pendentes e orientacións protexidas polos relevos da dorsal do Morrazo, a Serra de Castrove ao norte, as elevacións cara á Serra do Suído no leste e a Serra do Galiñeiro no sur, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que representa as condicións idóneas para unha área de boa produtividade agrícola.
A implantación das viñas fíxose en zonas de boa exposición con solos quentes e permeables, ou en condicións singulares como os solos de areais e dunas ou os de ladeiras de roca granítica, característicos desta área xeográfica.
Estas condicións achegan aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, boas expresións aromáticas e axeitadas características de conservación.