IXP Val do Miño-Ourense
Xa no ano 1857 o Boletín Oficial da provincia de Ourense publicaba a organización das grandes feiras agrícolas da cidade de Ourense co obxectivo de fomentar o comercio e desenvolver o sector agropecuario provincial, coa pretensión de atraer persoas das comarcas veciñas, destacando que o principal produto agrario da cidade e arredores, tanto por extensión como por valor comercial, era o viño.
Medio Natural
Esta comarca está situada ao longo do val do río Miño, onde se inclúe a depresión de Ourense capital e as súas zonas limítrofes.
É unha das zonas menos húmidas de Galicia, con veráns calorosos nos que é doado superar os 30-32 ºC, aínda que os invernos, polo illamento dos vales, son fríos, con frecuentes néboas e risco moderado de xeadas.
Os viños son reflexo dos efectos das condicións edáficas, climáticas e agronómicas, ao que se engade a implantación das viñas nos solos das terrazas aluviais.
Ao longo dos séculos os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas para o cultivo, en solos sobre os que, en moitas ocasións, tiveron que construír muros para conter o terreo, frecuentemente en ladeiras, configurándose así unha paisaxe singular modelada polo home.
Os “ribeiros” son zonas de terrazas aluviais que ocupan as zonas próximas ao río, taludes ou ladeiras con pendente media e que representan o elemento máis característico do relevo no sector central do val do río Miño, coincidindo con ubicacións non superiores aos 400 m sobre o nivel do mar, de orientación sur e protexidos dos ventos predominantes, presentando condicións climáticas idóneas para o cultivo da vide.