DO Monterrei
O especial microclima de Monterrei, xunto cos solos, as variedades de uva e a creatividade dos adegueiros fan que estes viños posúan unha marcada personalidade. Uns viños que proporcionan unha experiencia deliciosa digna de compartir.
Medio Natural
A zona de produción da denominación de orixe Monterrei está enclavada na comarca de Verín, ao sur da provincia de Ourense e ten dúas subzonas: o val de Monterrei e a ladeira de Monterrei.
As condicións climáticas, entre as que hai que destacar as baixas precipitacións e elevadas temperaturas durante o verán, con valores para ambos os parámetros bastante diferentes aos doutras zonas vitivinícolas de Galicia, supoñen unhas condicións excelentes para o desenvolvemento das vides.
As variedades utilizadas son autóctonas e están perfectamente adaptadas ás condicións edafolóxicas e climáticas da zona, achegando aos viños elaborados unhas propiedades fisicoquímicas e sensoriais con identidade propia da zona de produción.
Ao longo dos séculos os viticultores buscaron as mellores zonas para o cultivo e someteron estes terreos ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade. Isto, unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais á que se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DO Monterrei manteñan elevados niveis de calidade e identidade propia.