DO Rías Baixas
Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas poden presumir da súa riqueza, non só polos aromas e sabores que transmiten, senón por todas as sensacións e imaxes que evocan.
Son viños cargados de significados, que van dende as peculiaridades do clima atlántico e a personalidade dunha terra única, ata a inesquecible colección de momentos que podes vivir con eles.
Materias primas
As variedades de uvas empregadas na denominación de orixe Rías Baixas son:
- Brancas: albariño, loureira (loureiro branco ou marqués), treixadura, caíño branco, torrontés e godello.
- Tintas: caíño tinto, castañal, espadeiro, loureiro tinto, sousón, mencía, brancellao e pedral.
Características do produto
Sen dúbida, a variedade raíña nesta denominación de orixe é a albariño. Esta variedade alcanza a súa máxima expresión cualitativa no clima e solo propio desta zona. Ademais, se analizamos o seu código xenético, a dita variedade posúe unha gran capacidade de produción de azucres, superando nun 12% o volume de alcohol. Outra das características excepcionais da albariño é que mantén unha riqueza en ácidos que moi poucas variedades conseguen en todo o mundo, unida a unha riqueza en compoñentes aromáticos e sápidos que fai os seus viños moi identificables.
Outra variedade, a loureira, tamén coñecida como marqués, é apreciada pola súa riqueza en aromas e sabores orixinais que lembran ao loureiro, de onde toma o seu nome, e que confiren unha gran personalidade aos viños. Calidades ás que non son alleos os viticultores e as adegas desta denominación. Aínda que non é unha variedade contemplada para a elaboración de viños monovarietais, porque a súa relación azucre-ácidos non é a máis óptima (baixa produción de azucre e elevada de ácidos), a achega prudente da loureira a plurivarietais en base ao albariño permite a obtención duns viños de gran nivel e orixinalidade, como os da subzona do Rosal.
Pola súa banda, a treixadura, que é a terceira variedade de calidade recomendada para o cultivo, ten un hábitat natural na subzona do Condado do Tea, aínda que está pouco estendida. Trátase dunha variedade que achega frescura e acidez aos viños, engadindo eses toques de mazá verde.
As variedades tintas, ata o de agora, na denominación de orixe Rías Baixas contan cunha presenza menor. Pero o certo é que durante os últimos anos a aposta do sector por incorporar novos viños que acheguen diversidade á produción, unido ás novas demandas do mercado, está a cambiar esta tendencia. Cada vez son máis os viticultores que incorporan variedades tintas aos seus viñedos, atraídos pola singularidade de variedades como a brancellao, espadeiro, caíño tinto, sousón, loureiro tinto, mencía, pedral e castañal, que achegan orixinalidade e diferenciación a estes viños tintos. Ata o de agora estas variedades tintas elaboráronse tradicionalmente neste territorio para autoconsumo.