Merca Experiencias de Calidade

DO Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra é viño, pero tamén é paisaxe, gastronomía e arte románica.

Os bancais nos que se cultivan as súas vides son imaxe dunha forma de vida e da paisaxe que a enmarca. O terreo admite pouca mecanización por iso os vendimadores realizan o seu traballo artesanalmente, subindo e baixando as escarpadas ladeiras para coidar con agarimo día a día as súas vides.

Unha vez que a terra e o sol transmitiron á uva toda a súa autenticidade e sabor, os acios vendímanse un a un e deposítanse coidadosamente en caixas de vinte quilos. Logo son transportados a ombreiros ata os camiños ou ata o río para que, con vehículos ou barcas, as uvas fagan a súa última viaxe ata as adegas.

As uvas son procesadas nas adegas onde se conxuga a tradición coa vangarda para producir uns viños de características únicas.

É un traballo heroico en total equilibrio coa natureza e cunha tradición milenaria para regalarnos uns viños de altísima calidade.


Materias primas

As variedades de uvas empregadas na denominación de orixe Ribeira Sacra son:

  • Brancas: albariño, loureira, treixadura, godello, dona branca, torrontés, branco lexítimo e caíño branco
  • Tintas: mencía, brancellao, merenzao, tempranillo, sousón, caíño tinto, caíño longo, caíño bravo, garnacha tintureira, mouratón e gran negro

Características do produto

Os viños tintos, nos que a mencía é a variedade maioritaria e fundamental, son limpos e brillantes, de capa media alta, con tonalidades que van dende o vermello cereixa ao vermello con reberetes púrpura; lembran en nariz aos froitos vermellos e á froita de óso; acaban, en boca, sendo francos e equilibrados, amplos e de gran persistencia aromática en retronasal.

Os viños brancos, elaborados fundamentalmente coas variedades godello, treixadura e albariño, sendo a primeira delas a máis abundante, son limpos e brillantes, ofrecendo tons dende o amarelo pálido ao dourado; francos en nariz, lembran aos froitos brancos de pebida e óso; presentan un gran equilibrio entre acidez e alcohol, sendo o recordo á froita antes mencionada unha característica do seu paso por boca.

Os viños rosados, elaborados fundamentalmente coas variedades mencía, brancellao ou merenzao, son limpos e brillantes, abertos de capa, con tonalidades entre o rosa pálido e o vermello cereixa. Os seus aromas lembran sutilmente aos froitos do bosque e á froita vermella de óso. En boca, o seu equilibrio entre alcohol e acidez dá paso a unha sensación en retronasal debedora da froita antes nomeada e persistente.

Queres estar á última das experiencias calidade?