Merca Experiencias de Calidade

IXP Pemento do Couto

As orixes do Pemento  do Couto remóntanse a mediados do século XVIII, momento no que a actividade no mosteiro de San Martiño do Couto, en Narón, era un exemplo para seguir para todos os habitantes da zona. Naqueles momentos, segundo se conta, a semente destes pementos foi conseguida polo prior ilustrado Felipe Colmenero. Di a tradición que este prior recibía con frecuencia ao seu gran amigo o Padre Sarmiento. Nas súas veladas, onde non faltaba de comer e de beber, o Padre Sarmiento queixábase de forma ardua do moito que picaban os pementos cos que era agasallado. O Pai Colmenero, ferido no seu orgullo, ocuparía desde entón os seus momentos libres na selección de plantas de pemento que tivesen froitos que non picasen, prolongando os seus traballos de selección ata conseguir unha liña de pementos con esta característica.


Materias primas

Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento do Couto son os froitos da especie Capsicum annuum L. do ecotipo local dese mesmo nome.

Características do produto

O froito é colleitado en verde, en estado inmaturo precoz (tamaño comercial). As súas características son as seguintes:

  • Forma: alongada
  • Peso aproximado: 4-6 g por unidade
  • Lonxitude aproximada: 4-8 cm
  • Anchura aproximada: 2 cm
  • Pedúnculo: entre 2-3 cm, sempre de menor lonxitude que o froito. É ríxido e normalmente recto ou con escasa curvatura
  • Pel: cor verde escura con pouco brillo
  • Cata: carne de textura fina e zumarenta, de sabor doce, lixeiramente  herbáceo e sen  picor debido á ausencia de  capsicina, con aroma de intensidade moderada e con escasa presenza de sementes

Queres estar á última das experiencias calidade?