Merca Experiencias de Calidade

IXP Mel de Galicia

O Mel de Galicia é un produto natural e fresco que se produce de xeito artesanal dende hai centos de anos. Está intimamente ligado ao territorio onde se produce e soamente as abellas coñecen o segredo da súa elaboración. Este tesouro galego contén a esencia da nosa paisaxe conformada primordialmente pola flora silvestre, que lle proporciona esas características sensoriais particulares.


Materias primas

O Mel de Galicia procede de colmeas móbiles e obtense por decantación ou centrifugación. Durante o tempo de recollida do mel polas abellas, as colmeas non poden ser sometidas a ningún tratamento químico nin se lles pode subministrar ningún alimento.

Segundo a súa orixe botánica o Mel de Galicia pode ser multifloral ou monofloral dalgún dos seguintes tipos: de eucalipto, de castiñeiro, de silva ou de breixo. Tamén se ampara baixo a IXP Mel de Galicia, o mel de mielada ou de bosque.

Características do produto

O mel pode presentarse en estado líquido, cristalizado ou cremoso, conservando todas as súas propiedades naturais.

As características dos distintos tipos de meles son as seguintes:

Mel multifloral: a súa cor poderá variar entre a ámbar e a ámbar-escura. Presentan aroma floral ou vexetal de intensidade e persistencia variable. Poden ser lixeiramente ácidas e astrinxentes.

Mel monofloral de castiñeiro: de cor ámbar escura, pode presentar tons vermellas. Aroma preferentemente vexetal de intensidade media-baixa e persistencia baixa. É lixeiramente ácida e amarga, a veces algo picante. Adoita presentar lixeira astrinxencia.

Mel monofloral de eucalipto: cor ámbar, olor floral cun toque a cera. A intensidade do olor é media e a persistencia baixa. Sabor doce e lixeiramente ácido.

Mel monofloral de silva: cor ámbar a ámbar escura. Son meles aromáticos con cheiro floral persistente. Sabor afroitado, marcadamente doce de intensidade e persistencia media-alta.

Mel monofloral de breixo: cor ámbar escura ou escura con tons vermellas, sabor lixeiramente amargo e persistente, aromas vexetais persistentes. A intensidade do cheiro adoita ser media-baixa e a persistencia baixa.

Mel de mielada ou de bosque: cor ámbar escura, frecuentemente con cheiro vexetal. Sabor doce, pudendo detectarse sabor salgado e/ou amargo.

Queres estar á última das experiencias calidade?