E ti de onde
ves sendo
IXP Capón de Vilalba
IXP Capón de Vilalba
As primeiras noticias coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia datan da Idade Media, abundando nesta época documentos de foros nos que se comprometían a pagar en capóns parte da renda.
En tempos xa moito máis recentes podemos atopar referencias de que este costume do pago con capóns foise mantendo, o que da idea do alto aprecio que este produto tivo na comarca ao longo de diferentes momentos históricos.
Hoxe en día, a súa produción vese xustificada, en moitos casos, por permanecer como un costume arraigado na zona, e por supoñer unha fonte secundaria de ingresos das explotacións agrarias familiares. Na maioría dos casos, os cebadores só teñen en conta o beneficio que lles produce a súa venda, sen sopesar os gastos que ocasiona a súa esmerada e laboriosa crianza.
Medio Natural
A zona xeográfica de cría, sacrificio e procesamento dos capóns amparados pola indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba queda limitada á Terra Chá, na provincia de Lugo, que se configura como unha das máis extensas e definidas de Galicia. Presenta unha gran uniformidade como consecuencia do seu suave relevo, ao que fai referencia o seu nome, só interrompido polos rebordos montañosos que a enmarcan e que delimitan un espazo cheo de vales sucados por unha densa rede hidrográfica, na que destaca o río Miño e os seus afluentes.
O clima húmido, con veráns suaves e escasa oscilación térmica, propicia o desenvolvemento de cultivos clave na alimentación dos capóns, sobre todo no referente ao pasto e aos cereais, entre os que destaca o millo. O período frío abarca os meses de novembro a marzo, con temperaturas medias mensuais entre 5 e 10 ºC, período que se evita a cría tradicional do capón, que comeza en abril-maio e termina en decembro, aínda que neste último mes as aves xa estarán confinadas sen saír ao exterior.
A castración das aves e a fase final da ceba, en instalacións específicas ("capoeiras") e cun sistema de alimentación moi particular (o "amoado") requiren coñecementos específicos que os homes e mulleres da zona atesouran ao írense transmitindo secularmente de pais a fillos.
A alimentación dos capóns, baseada en cereais, nos que o millo ten un papel destacado, tamén incide nas características da carne e na cor amarelada do canal. A fase final da ceba en recintos de dimensións reducidas -para o que se adoitan utilizar gaiolas denominadas “capoeiras”- e utilizando unha alimentación específica na que se complementa a alimentación base da fase anterior co "amoado" -elaborado segundo a técnica local con millo triturado mesturado con patacas cocidas e/ou castañas cocidas-, é unha mostra máis do saber facer particular dos produtores e produtoras da zona, que inflúe directamente nas características do produto.