IXP Pan de Cea
O Pan de Cea elabórase segundo as técnicas ancestrais da zona, mediante un laborioso proceso artesanal e cócese en fornos de pedra granítica que son previamente quentados con leña. A obtención do produto transmítese de xeración en xeración, adaptándose á lexislación actual sen perder a súa propia e caracterizadora identidade e o seu sabor único.
Medio Natural
A área de elaboración do pan amparado pola IXP Pan de Cea é o termo municipal de San Cristovo de Cea, situado ao noroeste da provincia de Ourense.
As orixes de San Cristovo de Cea, así como a súa tradición panadeira, discorreron parellas á historia do mosteiro cisterciense de Santa María a Real de Oseira, monacato que nunca deixou de lado as prácticas da moenda e a panificación, provéndose dos recursos necesarios para tal fin, sendo a vila de Cea, principalmente, a subministradora do pan, converténdose na “vila do bo pan”, paradigma e referente na provincia de Ourense e incluso en toda Galicia.
A primeira referencia histórica na que encontramos alusión ás panadeiras de Cea data do último terzo do século XIII. Nos anos posteriores produciuse o desenvolvemento da actividade panadeira na zona e a necesaria construción de fornos, o que se constata nos diversos contratos de foro de finais do século XIII que se encontran documentados.