E ti de onde
ves sendo
IXP Pemento da Arnoia
CONSELLO REGULADOR
Outeiro Cruz, 12
32417 A Arnoia
Ourense
881 997 279
IXP Pemento da Arnoia
O pemento cultivado na Arnoia constitúe un ecotipo seleccionado desde moi antigo polos agricultores desta área xeográfica pertencente á comarca do Ribeiro. Como consecuencia da súa limitada produción e da súa escasa difusión ao longo dos anos, apenas se estendeu fóra do devandito ámbito xeográfico. A especificidade do pemento da Arnoia provén dunha conxunción de moitos factores, entre os que están o material vexetal, a terra e o microclima dos vales produtores.
É indubidable o interese xenético, social, cultural, ambiental e económico que para determinados territorios supón a recuperación, a conservación e o fomento das variedades vexetais autóctonas. Así o entenderon os horticultores da Arnoia, quen pouco ou nada poderían facer para competir fronte a outras rexións produtoras máis especializadas, a non ser a través da especificidade dun produto coma este.
Medio Natural
O ámbito xeográfico da zona de produción amparada pola indicación xeográfica protexida Pemento da Arnoia está constituído polo termo municipal da Arnoia e pola parroquia de Meréns, pertencente ao municipio de Cortegada, na comarca do Ribeiro.
Esta zona, historicamente dedicada ao cultivo do pemento, está constituída pola parte máis baixa dun conxunto de vales delimitados polos ríos Miño e Arnoia, cuxa influencia desde o punto de vista climático e edafolóxico marcan as características do produto.
As características edafoclimáticas do sector do val final do río Arnoia, resultan especialmente adecuadas para o cultivo do pemento e explican a dilatada tradición do cultivo do pemento nesta área e as singulares características organolépticas do ecotipo Arnoia, que como todos os pementos –e moi especialmente, os de sabor doce– é unha planta moi esixente en canto á luminosidade e á temperatura, que é factor do ambiente que ten unha notable influencia na composición do produto.