Para que un becerro poida ser identificado e inscrito na IXP Ternera Gallega, debe cumprir as seguintes condicións:
Orixe: que nacese en Galicia
Raza: será das razas rubia galega, morenas galegas así como dos cruzamentos entre si e tamén coas seguintes razas cárnicas: asturiana de los valles, limusina e rubia de Aquitania. Tamén son aptos os cruzamentos de machos de calquera das razas anteriores con femias das razas frisoa e pardo alpina.
Condicións hixiénico-sanitarias: tanto os tenreiros como as explotacións teñen que cumprir o establecido na normativa vixente sobre manexo dos animais, estado sanitario, benestar animal, etc.
Ten que estar identificado oficialmente, con dobre crotalización e documento de identificación para bovinos (DIB).
A carne de “Ternera Gallega” varía dunha cor rosa clara, no caso de ternera, ata un vermello suave, no caso do anello. Ao corte presenta un aspecto magro, de consistencia firme, lixeiramente húmido e brillante, con graxa de cor branca anacarada e suaves irisacións amareladas, distribuída homoxeneamente. A súa textura é suave e con músculo de gran fino.
A Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega” ampara e certifica tres tipoloxías de carne: Tenreira Galega Suprema, Tenreira Galega e Anello.
Tenreira Galega Suprema
É a carne que procede dos tenreiros que se crían nas explotacións tradicionais ligadas ao medio, con vacas nai de aptitude cárnica, nas que existe unha especial simbiose nai-tenreiro-contorna, baixo o manexo e o bo facer dos gandeiros galegos, que herdaron sistemas de produción transmitidos secularmente de pais a fillos, baseados no aproveitamento dos recursos propios da explotación e no particular coidado dos animais.
Os tenreiros de Suprema diferéncianse na base da súa alimentación, que é unha lactancia materna, que se mantén practicamente ata o seu sacrificio, complementándose con forraxes, cereais, nabos, patacas e concentrados da máxima calidade.
Outra das súas peculiaridades máis significativas é que son animais novos, cuxa idade media ao sacrificio oscila ao redor dos oito meses. Todos estes factores propician que a carne que se certifica e presenta coma “Tenreira Galega Suprema” teña un nivel de calidade practicamente insuperable.
Dentro desta tipoloxía identifícase na etiquetaxe como “Tenreira Galega Suprema - carne de Rubia Galega”, que é a carne que procede exclusivamente de tenreiros que son de raza rubia galega.
“Tenreira Galega”
É a carne que procede dos tenreiros que se crían nas explotacións e cebadeiros de carácter familiar, seguindo as pautas tradicionais da ceba de vacún en Galicia, en unidades produtivas de reducida dimensión e con man de obra propia.
Os tenreiros destétanse a distintas idades e a súa alimentación baséase en forraxes e concentrados procedentes de vexetais, nos cales está estritamente controlado que non se usen subprodutos ou derivados animais reciclados, nin tampouco ningunha substancia que poida interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento do animal.
Destes tenreiros, cuxa idade ao sacrificio é inferior aos doce meses, procede a carne que se certifica e presenta como Ternera Gallega.
“Tenreira Galega Anello”
É a carne que procede de animais que cando se sacrifican xa cumpriran os doce meses de idade. A súa importancia relativa dentro da denominación é escasa, xa que só significa o 1% da carne certificada pola IXP Ternera Gallega.
Os tenreiros destétanse e aliméntanse con forraxes e con concentrados procedentes de vexetais, exentos de subprodutos animais e de calquera substancia que poida interferir no seu ritmo normal de crecemento e desenvolvemento.