DO Valdeorras
Valdeorras, comarca situada na parte nororiental da provincia de Ourense, está moldeada por un profundo val fértil e luminoso polo que discorre, apracible, o río Sil, señor dunha paisaxe máxica, de terras vermellas e negras, onde medran o castiñeiro, a vide e a oliveira.
En Valdeorras homes e mulleres conseguiron unir esforzos, tradición secular e modernidade para manter a orixe e garantir a calidade duns viños que son a máxima expresión do sentir dunha terra.
Medio Natural
As zonas de produción da denominación de orixe Valdeorras ocupan gran parte das cuncas dos ríos Sil, Xares e Bibei.
As características dos diferentes solos da zona xeográfica, sumadas ás condicións climáticas, con baixas precipitacións e temperaturas extremas, conforman un ecosistema selectivo ao que se foron adaptando as variedades de vides presentes, en xeral variedades autóctonas seleccionadas ao longo do tempo.
O factor humano ten unha gran relevancia na selección varietal. Pero tamén é de grande importancia nas características destes viños a súa actuación ao longo da xa dilatada historia da viticultura da comarca no concernente á selección dos terreos coas mellores condicións de solo e orientación, terreos nos que en moitas ocasións houbo que construír muros para cultivar a vide en chanzos (bancais ou socalcos) para evitar a perda de solo e facilitar as prácticas de cultivo, dando lugar en moitos puntos da comarca a fermosas paisaxes vitícolas. Tamén é de destacar o coidado e mestría cos que os viticultores realizan as ditas prácticas de cultivo, en particular a poda e condución das plantas para un adecuado control do potencial vitivinícola. Se a iso sumamos unha elaboración que, respectando a tradición, emprega os recursos que a moderna tecnoloxía enolóxica pon ao dispor dos elaboradores e uns rigorosos controis de calidade, o resultado son uns viños cunha gran personalidade e calidade, cada vez máis recoñecidos polos consumidores.