DO Ribeiro
Os viños do Ribeiro son viños de paisaxe e territorio, tradicionalmente elaborados por sabias mesturas de variedades autóctonas, cada unha delas achega as súas peculiaridades para obter viños auténticos e xenuínos. Viños de marcados trazos atlánticos, frescos, finos e elegantes, matizados por unha suave influencia do clima mediterráneo. O característico factor de transición climática xunto coas orientacións e pendentes da viña, a utilización e mestura de variedades locais e o tipo de solo, marcan o estilo Ribeiro. Ademais, a diferenciación dos tres vales (Avia, Miño e Arnoia) que compoñen a denominación de orixe converten ao Ribeiro nun mosaico da diversidade.
Medio Natural
A denominación de orixe Ribeiro sitúase no bordo noroccidental da provincia de Ourense e nas confluencias dos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia. Unha comarca a 45 km do océano Atlántico, nunha zona moi particular e de excelente aptitude para o cultivo da vide.
Estes vales configuran unha contorna natural formada por ladeiras, bancais e terrazas, excelentes para a produción de viños de calidade. Todo iso favorecido por un microclima moi peculiar, ventilado e con boa exposición para a maduración das variedades autóctonas do Ribeiro.
As características dos solos da zona xunto coas condicións climáticas existentes e os contrastes da súa orografía conforman unha zona cunhas características naturais óptimas para o cultivo do viñedo, obténdose un produto final específico e adaptado ao medio.
As variedades presentes son principalmente variedades autóctonas, seleccionadas ao longo dos anos polos viticultores da zona. Estas variedades están adaptadas e toleran as condicións edafoclimáticas existentes, o que orixina unha serie de viños específicos desde o punto de vista fisicoquímico e sensorial.
Ao longo do tempo os viticultores buscaron os mellores terreos aos que foron sometendo ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade e sobre os que, en moitas ocasións, tiveron que construír muros para conter o terreo, frecuentemente en ladeiras, configurándose así unha paisaxe singular modelada polo home.
Ademais, na calidade e características específicas do produto é moi importante o traballo dos produtores locais, tanto na condución e na poda das cepas, para un adecuado control do potencial vitivinícola, como na selección da uva, que se vendima manualmente. Todo o anterior, unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais pero á que se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DO Ribeiro sexan dos máis coñecidos polos consumidores españois, e cada vez máis nos mercados exteriores.