DO Ribeiro
Os viños do Ribeiro son viños de paisaxe e territorio, tradicionalmente elaborados por sabias mesturas de variedades autóctonas, cada unha delas achega as súas peculiaridades para obter viños auténticos e xenuínos. Viños de marcados trazos atlánticos, frescos, finos e elegantes, matizados por unha suave influencia do clima mediterráneo. O característico factor de transición climática xunto coas orientacións e pendentes da viña, a utilización e mestura de variedades locais e o tipo de solo, marcan o estilo Ribeiro. Ademais, a diferenciación dos tres vales (Avia, Miño e Arnoia) que compoñen a denominación de orixe converten ao Ribeiro nun mosaico da diversidade.
Materias primas
As variedades de uvas empregadas na denominación de orixe Ribeiro son:
- Brancas: treixadura, torrontés, godello, albariño, loureira, lado, caíño branco, palomino e albilla
- Tintas: caíño longo, caíño bravo, caíño tinto, ferrón, sousón, mencía, brancellao, garnacha tintureira e tempranillo
Características do produto
Os viños brancos do Ribeiro, de produción maioritaria, están elaborados na súa maioría coa uva treixadura acompañada con outras variedades en menor proporción. Adoitan ser viños novos e con alto potencial de envellecemento en botella.
Destacan pola súa elegancia e sutileza, os aromas de froitas maduras e froitas frescas, notas florais, meles, herbas aromáticas e balsámicos. En boca son equilibrados, finos e delicados. Viños harmónicos, frescos, aromáticos e de boa persistencia. Os brancos do Ribeiro son viños gastronómicos e versátiles que evolucionan moi ben en botella.
Os viños tintos do Ribeiro son auténticos, con carácter e xenuínos. Representan sobre o 10% da produción e a súa personalidade vén marcada polas uvas autóctonas.
Intensos, orixinais e expresivos. Caracterízanse polos aromas de froitas vermellas e negras, notas florais de violetas, regaliz, especias e balsámicos. Tintos de boa carga tánica, carnosos, estruturados e cun punto de acidez que potencia o seu frescor e equilibrio.
O viño tostado é un viño naturalmente doce de longa tradición no Ribeiro. Unha auténtica xoia enolóxica de produción laboriosa, complexa e moi escasa.
Para a súa elaboración unicamente se utiliza o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas pasificadas a cuberto. É un viño doce intenso, complexo e peculiar. Aromas de froitos secos e confeitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confeitada. Viños concentrados con bo equilibrio entre a acidez e a dozura. Untuosos e moi persistentes no padal.
Os escumosos son viños elaborados mediante o “método tradicional”.
Foron amparados legalmente no ano 2017 nos seus tipos Brut e Brut Nature, tanto rosados coma brancos. Utilízanse principalmente variedades que aportan maior estrutura, axeitada acidez e pH.