Produtos
de sempre
DOP Arzúa-Ulloa
CONSELLO REGULADOR
Cantón de San Roque, nº 17, 1º
Apartado 123
15800 Melide (A Coruña)
981 507 653
queixo [at] arzua-ulloa.org (queixo[at]arzua-ulloa[dot]org)
DOP Arzúa-Ulloa
Procedente das zonas con maior tradición queixeira de Galicia, é o queixo con denominación de orixe de maior produción da comunidade autónoma e os seus principais caracteres, os que lle deron a súa fama e recoñecemento, son o seu sabor, o seu aroma e a súa gran cremosidade; é por isto último que semella fundirse na boca pola facilidade coa que se disolve.
Materias primas
O queixo amparado pola denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa elabórase con leite de vaca, natural e enteiro, procedente das razas rubia galega, pardo alpina e frisoa ou os seus cruzamentos entre si, pertencentes a explotacións saneadas inscritas nos rexistros da denominación de orixe. A alimentación do gando componse basicamente das forraxes producidas na propia explotación.
O leite non debe conter costros, nin conservantes e non se debe someter a ningún procedemento de estandarización ou manipulación que poida cambiar a súa composición orixinal.
Características do produto
É un queixo de forma lenticular, cunha codia fina e elástica, de cor amarela media a escura, brillante, limpa e lisa.
A pasta é branda, de cor uniforme, entre branca-marfil e amarela pálida, de aspecto brillante, sen fendas nin regañas e pode presentar ollos en número baixo, pequenos, angulosos ou redondeados e con distribución irregular.
Aroma lácteo, que recorda a manteiga e iogur, con matices de vainilla, nata e noz, de intensidade débil.
O seu sabor caracterízase pola súa suavidade, lixeiramente salgado e un pouquiño ácido moi característico.
O seu peso autorizado está comprendido entre 0,5 kg e 3,5 kg. En ningún caso a altura pode ser superior ao raio.
O período de maduración é como mínimo de seis días.
De características semellantes ao anterior, atopamos o queixo Arzúa-Ulloa de Granxa que presenta a particularidade de que o leite empregado na elaboración ten que proceder integramente da muxidura das vacas da propia explotación.
Outra variedade é o Arzúa-Ulloa curado, coñecido de sempre coma ”queixo da nabiza”, “queixo do tempo dos nabos”, "queixo da ano” ou “queixo de ano”. Ten características sensoriais moi diferentes, que o fan inconfundible. Caracterízase pola súa dureza sendo o corte difícil e pode presentar fractura por estalamento, principalmente nos bordos. Estas características varían dende o cerne á codia, sobresaíndo unha sensación picante moi apreciada polos que o coñecen.
A súa forma é lenticular sendo a cara horizontal superior plana ou lixeiramente cóncava.
A codia non está diferenciada, a cor é amarela moi intensa, brillante e de aspecto graxo.
A pasta é amarela intensa, máis pálida no centro, moi compacta e pode presentar algúns ollos.
O aroma é moi intenso e de tipo lácteo.
O seu sabor, salgado e con acidez media ou baixa, preséntase con aroma a manteiga e lixeiras notas a vainilla e a froitos secos.
O peso vai dos 0,5 aos 2 kg e o seu período de maduración é de seis meses como mínimo.