Merca Experiencias de Calidade

IXP Capón de Vilalba

As primeiras noticias coñecidas sobre a cría e consumo de capóns en Galicia datan da Idade Media, abundando nesta época documentos de foros nos que se comprometían a pagar en capóns parte da renda.

En tempos xa moito máis recentes podemos atopar referencias de que este costume do pago con capóns foise mantendo, o que da idea do alto aprecio que este produto tivo na comarca ao longo de diferentes momentos históricos.

Hoxe en día, a súa produción vese xustificada, en moitos casos, por permanecer como un costume arraigado na zona, e por supoñer unha fonte secundaria de ingresos das explotacións agrarias familiares. Na maioría dos casos, os  cebadores só teñen en conta o beneficio que lles produce a súa venda, sen sopesar os gastos que ocasiona a súa esmerada e laboriosa crianza.


Materias primas

A indicación xeográfica protexida Capón de Vilalba aplícase á carne de machos da especie Gallus domesticus castrados cirurxicamente antes de alcanzar a madurez sexual. As aves son da raza autóctona galiña de Mos ou de estirpes que teñen como característica común con esta a súa rusticidade, o que permite a súa cría ao aire libre nas condicións climáticas da zona. A plumaxe é de cor marrón-avermellada.

Características do produto

Os capóns son sacrificados a unha idade mínima de 150 días despois dun período de cría e engorde tras a castración de, polo menos, 77 días. Para o caso particular da variante tradicional "Capón de Nadal", que se comercializa durante a época do Nadal, a dita idade mínima será, polo menos, de 210 días. A ceba, fase final do engorde, realízase en recinto confinado e debe durar polo menos 25 días.

O canal presenta cor anacarada-amarelada e unha pel fina e flexible. Debe pesar, como mínimo, 2,5 kg. Este peso mínimo subirá ata 4 kg no caso particular dos "capóns de Nadal".

Queres estar á última das experiencias calidade?