Merca Experiencias de Calidade

IXP Pan de Cea

O Pan de Cea elabórase segundo as técnicas ancestrais da zona, mediante un laborioso proceso artesanal e cócese en fornos de pedra granítica que son previamente quentados con leña. A obtención do produto transmítese de xeración en xeración, adaptándose á lexislación actual sen perder a súa propia e caracterizadora identidade e o seu sabor único.


Materias primas

O Pan de Cea elabórase con fariña de trigo, auga potable e sal comestible, ao que se engade para a súa fermentación masa nai que provén dunha elaboración anterior.

Características do produto

A forma das pezas de pan é alongada e redondeada nos seus extremos, cunha fendedura transversal no centro da súa parte superior, denominada "fenda", diferenciando a peza en dúas partes iguais curvadas e ensambladas entre si.

A codela ou codia é grosa, de anchura variable, ata nunha mesma peza, consistencia dura e ríxida e con tendencia a facer láminas. A súa cor vai desde a dourada a castaña escura. Sabor tostado.

A miga ou "miolo” ten nunha textura esponxosa, fibrosa e firme. Alveolado non moi abundante, distribuído de forma irregular e de tamaño moi variable. Cor apergamiñada, recordando o gran de trigo enteiro. Sabor intenso a trigo.

Preséntase baixo dous formatos que se diferencian polo peso e as dimensións: a “peza” ou "poia" , cun peso entre 1 e 1,2 kg, e a  “media peza” ou "molete", cun peso entre 0,5 e 0,6 kg.

Queres estar á última das experiencias calidade?