Produtos
de sempre
IXP Pan Galego
CONSELLO REGULADOR
Avenida do Camiño francés nº 10, baixo.
15703 Santiago de Compostela
881 997 279
ixppangalego [at] gmail.com (ixppangalego[at]gmail[dot]com)
IXP Pan Galego
A indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego protexe o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia. Este pan posúe unha calidade diferencial debida á orixe e ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración.
Materias primas
Os ingredientes que se deben empregar na súa elaboración son fariña de trigo, da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia (“trigo país”), auga, masa nai (tamén chamada formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, levadura biolóxica.
Características do produto
O pan galego ten un sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático. Ten unha codia de consistencia triscante e cor desde dourada a marrón escura e un grosor medio de entre 3 e 10 mm, que na barra pode ser menor. A miga é de cor desde branca escura a crema pálida, con textura esponxosa e alveolado abundante e irregular.
Pode presentarse baixo algún dos seguintes formatos:
- Bolo ou fogaza: de feitura redondeada e irregular, pode levar fendeduras na súa parte superior e a relación largo/longo aproxímase a 1/1. Outras variantes son: rematado na súa parte superior cun pequeno anaco redondeado de pan a modo de moño, e o de forma alongada cunha relación largo/longo próxima a 1/2. As súas dimensións varían segundo o seu peso, que pode ser de 250, 500, 1.000, 1.500 gramos e outros formatos maiores.
- Rosca: de forma de aro irregular de aspecto aplanado. As súas dimensións varían en función do seu peso, que pode ser de 250, 500, 1.000 gramos e outros formatos maiores.
- Bola ou torta: de formato redondeado e aplanado. Para este formato admítense pezas de 250, 500, 1.000 gramos e outros formatos maiores.
- Barra: con forma alongada, cunha lonxitude entre 40 e 60 cm e un peso de 300 gramos.