Produtos
de tempada
DOP Pemento de Herbón
CONSELLO REGULADOR
Rúa Dolores, s/n
15900 Padrón
A Coruña
881 997 279
info [at] pementodeherbon.com (info[at]pementodeherbon[dot]com)
DOP Pemento de Herbón
O inicio do cultivo do pemento en Galicia asóciase ás sementes traídas dende o estado mexicano de Tabasco polos monxes franciscanos ao convento de Herbón, localidade pertencente ao municipio de Padrón, no século XVII. O proceso de selección varietal e as prácticas culturais de recolección comezan entón transmitíndose dende a comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un sistema de produción altamente especializado.
Unha das características máis destacadas do Pemento de Herbón refírese a que non todos os froitos presentan sabor picante, senón que este aparece ocasionalmente (“uns pican e outros non”, de acordo coa coñecida frase popular referida a este produto), e que é un picor lixeiro, xa que os produtores se esmeran en seleccionar o produto eliminando aquelas plantas e froitos con sabor picante máis intenso. A forma na que se chegou a conseguir isto, partindo dunha variedade orixinalmente picante, é quizais o elemento de proba máis importante do “bo facer” dos produtores da zona.
Que os pementos piquen máis ou menos depende da cantidade de capsicina que conteñan. Esta concéntrase na placenta, que é a parte esbrancuxada que hai no interior do froito, nunhas pequenas vesículas. Como esta substancia é un axente defensivo, a cantidade que produce a planta depende tanto das características xenéticas da variedade coma das condicións ambientais: temperatura, humidade, composición do solo, fertilización, estado de desenvolvemento do froito no momento de recollida, etc.
Materias primas
Os pementos amparados pola denominación de orixe protexida Pemento de Herbón son os froitos da especie Capsicum annum L, dos ecotipos locais da variedade Padrón, procedentes de parcelas inscritas no correspondente rexistro.
Características do produto
As características do froito varían durante o proceso de maduración, por conseguinte, a recolección e comercialización dos pementos amparados pola DOP Pemento de Herbón realizarase cando presenten as características seguintes:
- Forma: froito curto, alongado, con tres ou catro lóculos no ápice
- Peso aproximado: 3,5 - 4,5 g por unidade
- Lonxitude aproximada: 3,5 - 5,5 cm
- Diámetro máximo: entre 1,5 - 2 cm
- Ápice: afundido
- Lonxitude do pedúnculo: 3,5 - 6 cm
- Pel: lisa e brillante, de cor verde, lixeiramente clara
- Cata: aroma de intensidade moderada, sabor doce, que pode ser lixeiramente picante