HORTA DAS COLMEAS
Eva Mª Rey Timiraos
IXP Mel de Galicia
Son Eva e quero compartir convosco a historia de “Horta das Colmeas". Nace do noso agarimo polo rural galego, xunto coa paixón polo marabilloso mundo da apicultura. A nosa andaina comeza no ano 2005 con 8 colmeas. Pouco despois conseguimos o rexistro sanitario para as nosas instalacións e comezamos a envasar o mel. Máis tarde, tras cumprir os requisitos e controis establecidos, inscribímonos na IXP MEL DE GALICIA e comezamos a etiquetar o mel co selo desta IXP. Máis adiante outorgáronnos o certificado de calidade ENAC, renovado anualmente pola IXP. Fomos premiados coa distinción de Ouro na categoría de meles monoflorais das Catas de Galicia 2021.
Todo isto e máis, conseguímolo ao amparo de tres valores que temos moi presentes no noso día a día: Calidade, Traballo e Humildade.
O noso mel conxuga harmoniosamente as esencias da Serra da Faladoira e do Río Sor. Nel está contido o néctar do bosque autóctono das Grañas do Sor, en Mañón (A Coruña), terra doce e fecunda da alta montaña. Co traballo das abellas neste territorio, unido á experiencia de xeración tras xeración, temos a certeza de que poñemos na túa mesa un produto de calidade única, que conta coa contraetiqueta da IXP MEL DE GALICIA, que avala a súa calidade e orixe.
O noso apiario e a nosa envasadora están nunha contorna rural, concretamente na parroquia das Grañas do Sor, no concello de Mañón da comarca de Ortegal, provincia da Coruña. Esta localización permite que as abellas despistadas volvan ao seu sitio sen sufrir. Dende o ano 2012 as nosas instalacións contan cun rexistro sanitario como sala de extracción e tamén para o envasado.
O mel de "Horta das Colmeas" ten un sabor doce con matices salgados. A súa cor é ámbar escura, con olor a vexetais. Estas características organolépticas son resultado da flora existente na zona de produción: castiñeiros e breixos ou queirogas (erica).
O mel ademais de ser moi nutritivo conta con importantes características terapéuticas. A súa capacidade enerxética é ben coñecida. Trátase dun alimento moi completo que proporciona unha resistencia maior fronte a situacións de cansazo. Mellora as afeccións respiratorias, dixestivas... Tamén se emprega na cosmética polas súas propiedades de rexeneración da pel e como antiséptico para a cicatrización de feridas.
As Grañas do Sor
15339 · Mañón
A Coruña