LABREGA MEL
Labrega Mel
IXP Mel de Galicia
IXP Mel de Galicia
Carreira do Crego, 1
32780 A Pobra de Trives
Ourense
600 662 339
https://www.labregamel.com/
info [at] labregamel.com (info[at]labregamel[dot]com)
Chámome Xavier Sotelo Fernández, teño 34 anos de idade, crieime en Moaña, que é o lugar onde estaban traballando os meus pais, pero eles son da zona de Terra de Trives, concretamente a miña nai da parroquia de Chaveán en Chandrexa de Queixa e o meu pai do Campo en San Xoán de Río. Eu síntome coma unha mestura entre estes dous lugares. Pasei, sendo neno practicamente os días de colexio en Moaña e as fins de semana e as vacacións cos avós en Terra de Trives. Creo que de aí me vén o xermolo de facer o que estou facendo hoxe en día, desas lembranzas de ir en familia ao souto, á vendima, á horta, á liberdade de camiñar polas fragas, percorridos a pé ou en bici... Ao rematar o bacharelato decidinme por estudar en Ourense, o que me permitiu estar máis preto da aldea. Por épocas continuei co coidado das leiras e dos soutos xunto coa miña familia, axudando a miña avoa, que é a que sempre estivo á fronte de toda a actividade no rural. E foi así, onde os días que estaba na aldea ía argallando plans para volver, para facer as terras rendibles. Púxoseme a tiro o tema das abellas, que ademais era compatible cos castiñeiros, e xa dende o primeiro momento, o meu e o das abellas foi un "picotazo a primeira vista", foi como topar o teu lugar no mundo, foi como dicir "eu estou feito para isto, e para estar aquí".
Labrega Mel, trátase dunha explotación mixta de aproveitamento de froiteiras (principalmente castaña) e do mel que colleitan as nosas abellas. Situados na montaña, no macizo central ourensán, contamos con diversos terreos, tanto con castiñeiros e rebolos centenarios coma con froiteiras de recente plantación. Nelas distribuímos durante a primavera e o verán preto dunhas 300 e pico colmeas, dependendo da climatoloxía do ano. Tamén contamos cunha pequena instalación acondicionada para a extracción e envasado do mel, un pequeno taller de reparación de material e dúas palleiras onde almacenamos os aparellos e maquinaria de labranza.
Entre os nosos meles destaca o monofloral de castiñeiro. Este mel colleitado polas nosas abellas nas leiras situadas nas fragas do canón do río Navea, entre castiñeiros e carballos centenarios, achega no padal un sabor doutra época.
Precisamente este mel de castiñeiro resultou premiada coa distinción de Bronce na categoría de meles monoflorais nas Catas de Galicia 2021, que avala a súa calidade.
Todos os nosos produtos son de procedencia responsables, creados dun xeito ético e tendo moi presente o coidado o benestar animal.
Carreira do Crego, 1
32780 · A Pobra de Trives
Ourense