José Manuel Fernández

Todo comezou coa sabedoría que me transmitiu o meu avó, Constantino Sande, do cal aprendín a importancia das abellas para o noso planeta. Así iniciouse o meu traballo na apicultura, como continuidade ao desenvolvido pola miña familia que contaba cun pequeno grupo de colmeas para autoconsumo. Posteriormente, no ano 2015, coa experiencia previa de exercer en postos de diferentes sectores económicos, decidín emprender un pequeno negocio,  ampliando as colmeas dos meus avós. Para iso, busquei novos emprazamentos con alto valor polínico en varias zonas da provincia de Lugo, onde existen gran variedade de plantas melíferas (breixo, castiñeiro, silva, trebol, carballo etc). Con este proxecto pretendo Poñer en valor o mundo da apicultura e vivir desta afección, ademais de contribuir á conservacion do medio. O meu obxectivo é mellorar continuamente a miña actividade, rendibilizar os produtos que proporcionan as nosas amigas as abellas, e coidar o máximo posible destes insectos tan fascinantes e do medio que os rodea.

Manuel Sande
As miñas colmeas

O meu obradoiro está situado en Laxosa, a uns 10 Km da cidade de Lugo, no concello do Corgo. Conto con varios apiarios situados en diferente zonas da provincia de Lugo (nos concellos de Friol, Muras, Corgo, Castroverde e Baralla). Estas diferentes ubicacións, con diferentes floras, permítenme dispor de varios tipos mel cun sabor, textura, aroma e cor diferente. Dispoño dun pequeno obradoiro onde realizo o proceso de extracción, almacenamento e envasado dos produtos da colmea. A finais de verán é cando realizo a extracción do mel. Unha vez retirada as medias alzas dos colmeares, lévoas á sala de extracción. No obradoiro retiro a cera coas que as abellas selaron as celdillas cheas de mel, coa axuda dunha desoperculadora e a continuación coloco os panais no extractor. O mel almacénase nuns maduradores de aceiro, con indicación do apiario do que foi retirada e o número de lote. Os panais extraídos volven a colocarse nas alzas e vólvese a levar ao apiario. O obradoiro conta cun sistema de renovación de aire para evitar a condensación e a humidade.

Manuel Sande
Os meus produtos

Diferentes tipos de mel acollidos á IXP Mel de Galicia, que comercializo en envases de 1 kg, 500 g e 250 g.

  • Mel multifloral: neste mel pódese atopar néctar de flores coma a silva, castiñeiro, breixo, trébol e o carballo. Dispoño de dous tipos de mel, unha delas de cor escura onde predomina o carballo e o breixo e outra cunha tonalidade máis clara onde predomina o trébol e a silva. 
  • Mel monofloral de castiñeiro: neste mel, de cor avermellada, predomina o castiñeiro cun 70%. O resto é néctar de flores coma a silva e o breixo. 
  • Mel monofloral de silva:este mel pode ser de cor escuro ou claro, dependendo doutros néctares que conteña o mel. A porcentaxe mínima de silva é dun 45%. Se o mel  é de cor escura indica que tamén contén breixo, castiñeiro e carballo e se é de cor clara, contén trébol. 

Tamén teño outro tipos de produtos como pole e mel con propóleo. 

Atópanos

Enderezo

Laxosa, 25
27393 · O Corgo
Lugo

Coordenadas
42.9584167, -7.47375

Queres estar á última das experiencias calidade?