Javier Piñeiro

Chámome Javier Piñeiro López, teño 49 anos e xunto coa miña muller Sonia diriximos a Queixería Fontelas. Actualmente son o responsable de produción e calidade.

Nacín en San Simón da Costa, parroquia do concello de Vilalba, onde me criei e vivo dende fai case 50 anos. Son de familia labrega, polo que na miña casa se fixeron queixos dende sempre. Lembro dende neno a miña avoa e a miña nai facendo queixos para despois vendelos nas feiras e feiróns de Vilalba. Supoño que esta tradición marcou a miña traxectoria posterior no mundo queixeiro. Os meus comezos neste sector foron alá polo ano 1990, cando meu pai decide montar unha pequena queixería. O obxectivo inicial era transformar parte do leite que se producía na explotación gandeira familiar e tentar comercializar o queixo no mercado local. Comezos duros aqueles xa que, aínda que tiñamos experiencia na elaboración artesanal e manual que se empregaba na casa para pequenas producións, non tiñamos coñecementos para producir a outro nivel. Descoñecíamos aínda máis cales eran as vías de comercialización adecuadas para este produto. Polo tanto, tocou aprender sobre a marcha e a medida de que iamos aumentando a produción, avanzabamos na comercialización. En pouco tempo, a actividade queixeira foi gañando protagonismo respecto á explotación gandeira. Posteriormente decidimos centrarnos e especializarnos na elaboración de queixos en detrimento da gandería, mercando o leite a explotacións da zona de confianza.
Poder vivir e traballar no rural e do rural, para min é un luxo que moita xente non sabe apreciar. Fai 32 anos decidín quedarme e traballar na queixería dos meus pais, porque tiña claro que podía ser unha alternativa real de futuro, a pesar do traballo laborioso que xa se vía vir naquel momento. A idea de poder traballar na miña aldea, tal como o levaba facendo a miña familia de toda a vida, co lugar de traballo a cinco minutos da miña casa, resultoume moi atractiva. Non me arrepinto e sen dúbida, volvería facelo. 

Javier Piñeiro. Queixería Fontelas
A miña queixería

A nosa queixería nestes momentos consta de dous centros de traballo. A queixería orixinal coa que comezamos a nosa actividade queixeira no ano 1990, sita en Lobán na parroquia de San Simón da Costa. Aí é onde se leva a cabo todo o proceso de elaboración do noso queixo ata os 15 días de curación. E o outro centro que temos no Polígono Industrial de Sete Pontes en Vilalba, creado no ano 2009, correspóndese coa nave de afinado e secado, onde rematamos o proceso de curación, afumado e expedición do produto.
 

Queixería Fontelas
Os meus produtos

O noso produto estrela é o queixo DOP San Simón da Costa, un produto que elaboramos dende fai 32 anos, logrando así non deixar que se esvaecese unha arraigada tradición da que penso que os meus avós se sentirían orgullosos. Comercializamos este queixo en unidades etiquetadas de aproximadamente 1 kg. Tamén dispoñemos do formato Bufón para queixos de 500 g de peso. A forma é de buxaina ou bala coa parte superior remata en pico. Pódese presentar envasado ao baleiro en pezas enteiras ou cortadas á metade. 

Características: queixo de codia afumada, dura e inelástica, de 1 a 3 mm de grosor, de cor amarela-ocre e algo graxenta. Pasta de textura fina, graxa, semidura e inelástica, de cor entre branca e amarela, suave ao corte, con aroma e sabor característicos. Sen moitos ollos, de forma redondeada ou irregular, de tamaño variable pero inferior a un chícharo.

Gastronomía: o queixo San Simón da Costa é un queixo moi versátil. Pode consumirse só ou ben acompañado de noces ou mel. O seu sabor ácido, suave e doce sutil á vez, mesturado co toque delicado do fume, proporciónalle un sabor exquisito. Tamén ten moitos usos na cociña. Na nosa comarca son famosos os entrecostos e os escalopiños ao queixo San Simón da Costa. Aconséllase acompañalo cun viño tinto galego con DO, preferiblemente coa variedade Mencía. Moitas combinacións e maridaxes posibles aptas para todos os gustos.

Atópanos

Enderezo

Pol. Ind. Sete Pontes · Rúa Manciñeiras, 41
27800 · Vilalba
Lugo

Coordenadas
43.317936, -7.663785

Queres estar á última das experiencias calidade?