MELES JS
Souto Vivo, C.B.
IXP Mel de Galicia
O meu nome é Eva Seijo Muras e son bióloga de formación. Xunto co meu irmán Javier, enxeñeiro químico, formamos Meles JS. Contamos co apoio incondicional do meu pai que foi o impulsor deste proxecto. Comezamos nisto sen darnos conta, as abellas e o mel sempre formaron parte da nosa vida. Cando rematamos a nosa formación universitaria, nun momento de crise económica xeneralizada, démonos conta que esta podería ser unha boa forma de vida e, en certo modo, tamén relacionada coa nosa formación.
O meu irmán é o que leva a parte das colmeas, el encárgase de que non lles falte nada, asegúralles as condicións axeitadas para que poidan elaborar a mellor colleita. Tamén selecciona as alvarizas co fin de poder obter diferentes variedades de mel.
Eu encárgome de todo o relacionado co produto final, o mel. Realizo a esmelga, o envasado e a etiquetaxe. E sobre todo, encárgome da comercialización, esa é a parte que máis me gusta, o contacto coa xente. Desfruto desa oportunidade para explicarlles aos meus clientes que hai detrás dese bote mel que van adquirir.
Pode que chegásemos á apicultura profesional como plan B, pero dende logo foi a mellor decisión que puidemos tomar. O contacto co medio rural ten un valor engadido de calidade de vida inigualable.
Mels JS fundouse como tal nos anos 80, pero foi en 2008 cando se profesionalizou coa nosa incorporación (Eva e Javier Seijo). Contamos con 350 colmeas distribuídas en alvarizas das provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, de xeito que podemos obter meles monoflorais de breixo, castiñeiro, silva e eucalipto, así como de multiflora. Dispoñemos dunha envasadora situada na parroquia de Bembrive en Vigo, onde en dúas alturas se realiza a recepción do mel, esmelga, decantación, envasado e etiquetaxe.
Meles JS dedícase á produción de Mel de Galicia baixo a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Os meles proveñen directamente de alvarizas propias distribuídas nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo. A esmelga realízase nas fases decrecentes da lúa seguindo a tradición e as premisas biodinámicas. O proceso faise de xeito tradicional e en frío, para non alterar as propiedades do mel.
Obtemos así diferentes tipos de mel, que se comercializan en envases de distintos pesos e incluso en panal:
Camiño Lugar de Arriba, 7
36313 · Vigo
Pontevedra