Marta Sertaje

O meu nome é Marta Sertaje. Traballo na Adega A Coroa dende o ano 2008 comenzando a miña traxectoria co fin de levar a exportación, xa que son licenciada en Filoloxía Inglesa, e a comercialización, en xeral.

Son da Rúa de Valdeorras, pobo onde está situada a adega A Coroa, na denominación de orixe Valdeorras, e o amor polas miñas orixes fíxome volver aquí despois de rematar os meus estudos. Comecei a traballar neste apaixonante mundo do viño ao que tamén se dedicaba o meu avó, de forma particular e familiar, aínda que daquela eu non lle daba moita importancia. Pasiño a pasiño funme formando en cursos de cata e outros temas relacionados coa viticultura e enoloxía. Na actualidade  aínda continúo formándome, sempre hai moitas cousas por descubrir. 

Na adega, ademais do amor polo viño tamén descubrín o amor persoal polo que agora é o meu marido, un dos propietarios actuais da adega xunto con Roberto Fernández. Ceferino, fillo de Roberto, leva actualmente a comercialización, así que entre todos formamos unha gran familia e un gran equipo.

É moi interesante e emocionante poder ofrecer ao mundo o froito da nosa valiosa terra Valdeorras; en particular a variedade Godello, que con tanto amor producimos e elaboramos en A Coroa e reflectimos nos nosos viños.

Adega A Coroa
A miña adega

A familia López Vicente, orixinaria de Vilamartín de Valdeorras, Ourense, foi durante catro xeracións transmisora da cultura do viño no Oriente Ourensán. No ano  2002, coa incorporación de Roberto Fernández García, toman unha decisión crucial: elaborar viño de calidade. Así nace e se funda a adega A Coroa, un tributo aos seus antepasados, ao seu esforzo e empeño. A Coroa, aínda sendo unha adega familiar, conta cun equipamento de vinificación actual e moderno. Unha viticultura racional e moderna, aproveitando a personalidade da variedade Godello e buscando sempre a calidade, é a filosofía que impulsa o noso traballo en A Coroa, convencidos de que o viño se consegue principalmente no viñedo. A elaboración céntrase nun trato minucioso e racional da uva empregando a mellor tecnoloxía e respectando a heteroxeneidade dos terreos. Os viñedos de A Coroa son de Produción Integrada e ademais a día de hoxe somos a única adega que elabora Godello procedente de parcelas de PRODUCIÓN CONTROLADA. O control dos labores de campo, a poda, tratamentos fitosanitarios...repercuten nun maior control do proceso de rastrexabilidade, dende o campo ata a adega. O seu obxectivo é a calidade, o respecto polo medio, o coidado e a rexeneración da terra.

Adega A Coroa
Os meus produtos

Convencidos de que o viño se consegue principalmente no viñedo, presentámosvos os nosos produtos:

GODELLO A COROAVarietal – Este viño é o resultado de uvas procedentes de 5 parcelas de produción controlada de A Coroa. A idade media dos viñedos, así como as diferentes altitudes, orientacións e heteroxeneidade dos terreos, dotan ao conxunto de exclusiva mineralicidade e sobresaínte complexidade. O resultado é un harmónico coupage onde a nobreza da variedade Godello se presenta xenerosa, e nos ofrece un viño fresco e varietal. A través dun excelente equilibrio entre alcohol – acidez, A Coroa 100% Godello é un viño longo e envolvente.

GODELLO A COROA LÍASMadurez – Viño elaborado coa máis coidada selección de uvas Godello provenientes dun dos nosos viñedos máis característicos, "A Sobreira". A parcela, localizada a 450 metros de altitude, destaca polos seus chans franco-areosos con cantos rodados e sedimentos provenientes do arrastre dos cursos da auga do cuaternario. Despois da súa fermentación, os mostos repousan durante 5 meses sobre as súas lías en suspensión a través da aplicación da técnica do “batonnage”. A Coroa Lías é un viño complexo e redondo, que sorprende dende a súa entrada en boca e persiste no recordo.

A COROA LADEIRA VELLASuntuosidade – Dunha produción moi reducida de Garnacha Tintureira proveniente de cepas centenarias, saen ao mercado arredor de 2500 botellas deste especial viño. A elegante e exclusiva variedade reflicte un excelente equilibrio entre maduración e vitalidade. É longo e persistente, con gran presenza de froita e retrogusto con predominantes notas especiadas. Un viño inimitable, con carácter e gran potencial de envellecemento.

 

Atópanos

Enderezo

A Coroa, s/n
32350 · A Rúa de Valdeorras
Ourense

Coordenadas
42.402597, -7.092825

Queres estar á última das experiencias calidade?