LIBRO
Adega Sameirás
DO Ribeiro
DO Ribeiro
Santo André de Camporredondo, 98
32415 Ribadavia
Ourense
678 894 963
https://www.adegasameiras.com
info [at] adegasameiras.com (info[at]adegasameiras[dot]com)
Chámanme Antonio Cajide Gulín, dende o ano 1999 levo dedicándome a isto en exclusiva. Sempre quixen facelo, sobre todo dende os 13-14 anos en que o meu avó paterno Miguel me ensinou a podar e rodrigar, é dicir, atar con vimbio as varas das viñas con rodrigas de madeira. Ademais dende moi pequeno o meu avó Saturnino con quen me criei, ensinoume a enxertar todo tipo de árbores froiteiras e a cultivar todo tipo de vexetais para autoconsumo, sempre dicía "hai que ter do teu".
Eu que case nacín cunha cana na man e que soñaba coas troitas, aos 27 anos decidín colgar a cana e cambie esta gran paixón pola apicultura grazas ao amigo Paco Rego, co que tamén compartimos paixón pola viticultura. Pero cando cumprín os 40, decidín que a miña paixón sería en exclusiva a viña e o viño, e deixei as abellas aínda que sempre as teño en conta no meu traballo.
Dedícome a todo o proceso, dende seleccionar os terreos e portaenxertos adaptados ás variedades, tipos de solos e altitudes ata chegar á botella de viño e a súa comercialización; ese é o meu labor, pechar todo o ciclo. Plantei cada variedade na cantidade necesaria para elaborar os distintos tipos de viño que comercializo (a mestura faise dende a viña) e logo o enxertado e coidado dos viñedos. Gústame facer un seguemento con mimo dende a viña ata chegar ao produto final que consumides. Todo o noso agarimo e coidado metido nunha botella para que ti o desfrutes.
Trátase dunha pequena adega de colleiteiro na denominación de orixe Ribeiro con seis hectáreas de viñedo propio das que se cultivan cinco hectáreas de variedades brancas e unha de tintas, todas elas autóctonas. A integridade do viñedo sitúase na parroquia de santo André de Camporredondo e nel practícase a agricultura tradicional herdada dos meus avós. Intento que a pegada de carbono sexa máis baixa posible, nun compromiso coa tradición herdada. Sigo con moito coidado todo o proceso ata chegar ao produto final, convencido de que un bo viño faise na viña, tal como me ensinaron os meus avós, tal como se fixo sempre.
En 1999 comecei a plantar as primeiras viñas que estiveron convivindo coas vellas dos avós ata completar a súa reestruturación. En 2002 dáse de alta a adega e en 2003 saen ao mercado as primeiras botellas de Sameirás branco e tinto.
Na actualidade somos propietarios de seis hectáreas de viñedo, dispostas en seis parcelas con altitudes que van dende os 100 aos 300 m s. n. m.. Desas parcelas, cinco son de uva branca e unha de uva tinta.
Santo André de Camporredondo, 98
32415 · Ribadavia
Ourense