Manuel Guerra

O meu nome é Manuel Guerra, teño 46 anos e son o propietario da adega Vía Arxéntea. O meu labor na adega é facer un pouco de todo, é dicir, dende os traballos na viña, cando empeza a brotación, facendo a poda en verde, labrar as viñas, a vendima e ata o final coa poda de inverno. Así se repite o ciclo todo os anos. Os traballos na adega son os que se ocupan da elaboración do viño e tamén de atender as distintas visitas que se interesan polos nosos produtos. Eu cheguei ao mundo do viño polo meu pai. El tiña viñedos para elaborar viño para autoconsumo. Pero foi el quen me ensinou a cultivar as viñas e tamén a pisar as uvas no lagar, que máis que un traballo era unha festa. A comarca de Monterrei é un val precioso, non só pola súas vistas, polo seu castelo, augas… senón tamén polo seu fantástico clima e terras, que nos permiten facer estes marabillosos viños da DO Monterrei.

Manuel Guerra. Vía Arxéntea
A miña adega

Adega de tradición familiar fundada no ano 2007, no meu pobo natal Vilaza de Monterrei. Comezamos con 2,4 ha de solo arxilo-areoso e agora ten unha extensión de seis hectáreas de viñedo. A nosa idea é a de facer un viño de alta calidade en pequenas producións, coidando ao máximo a elaboración e o cultivo da viña.

Os nosos viños son o resultado do cultivo en solos arxilosos, cunha porcentaxe de lousa (xistos) e tamén en granito areosos. 
O clima é mediterráneo temperado, con tendencia continental e alta influencia do atlántico. Os veráns son calorosos e secos e os invernos fríos. Durante a época de maduración da uva danse oscilacións térmicas considerables entre o día e a noite, que poden ser de ata 30º C. 
Na elaboración do noso viño contamos cunha mestura de variedades, e como cada unha ten o seu momento óptimo de maduración, trabállanse por separado. 

Vía Arxéntea
Os meus produtos

O viño Vía Arxéntea debe o seu nome a un dos roteiros do Camiño de Santiago, o chamado “Roteiro da Prata”, que pasa por Monterrei. Do latín argentum, que é prata. A primeira colleita deste viño branco Vía Arxéntea saíu ao mercado en 2008. Este viño resultou galardoado co premio Acio de Ouro, de Colleiteiro Branco, no concurso da XX Cata dos Viños de Galicia.  Máis recentemente foi premiado co Acio de Ouro, na categoría DO Monterrei viños brancos, nas Catas dos viños de Galicia 2021.

Este viño branco está elaborado coa variedade Godello (60%) e coa variedade Treixadura (40%). A variedade Godello é a primeira en madurar e, polo tanto, a primeira en entrar en escena na nosa adega. Macérase con neve carbónica a baixas temperaturas en tempos curtos. Unha vez prensada a uva, o mosto trabállase con lías en doce. Este proceso realízase antes de fermentar, coa intención de conseguir unha boa untuosidade, volume e textura graxa, ademais de aromas tropicais. A variedade Godello é pouco terpénica, motivo polo que o tempo de maceración é moi curto. A continuación vén a variedade Albariño. Esta variedade necesita un tempo de maceración máis longo para extraer todo o seu potencial terpénico, ao igual que as variedades Treixadura e Loureira. Sempre se busca o aroma varietal propio destas uvas. 

Maridaxe: idóneo con mariscos, peixes, arroces e paellas. Tamén aperitivos de ibéricos e queixos, ensaladas e carne de ave.

 

Atópanos

Enderezo

Estr. de Albarellos · Villaza · 32618
Monterrei · Ourense

Coordenadas
41.935971, -7.488752

Queres estar á última das experiencias calidade?