SEGREL
Bodegas Pablo Padín, S.L.
IX "Licor Café de Galicia"
DO Rías Baixas
Lugar de Ameiro, 17 Dena
36967 Meaño
Pontevedra
986 743 231
https://www.pablopadin.com
info [at] pablopadin.com (info[at]pablopadin[dot]com)
Son Pablo Manuel Padín de Bodegas Pablo Padín, unha empresa familiar con máis de 30 anos de historia. Nos 80, coa popularidade do viño da DO Rías Baixas e a variedade Albariño en alza, os meus pais comezan un pequeno proxecto dedicado á súa elaboración e venda no crecente mercado rexional, profesionalizando unha actividade con longa tradición no núcleo familiar. En 1984 empeza a tomar forma coa ampliación dos viñedos. Neses primeiros anos elabóranse estes viños no “ alboio” do garaxe da casa, coa colaboración da familia e veciños. A partir de aí, a actividade trasladarase ás instalacións da actual adega que comeza a construírse, e dótase con todo tipo de equipamento para a elaboración de viño.
Isto supón que o meu desenvolvemento persoal sexa paralelo ao da adega. Dende a infancia, xogando na adega entre as caixas de cartón e depósitos, merendando nos viñedos e, algunha vez, descansando sobre palés de viño. E a medida que vou medrando, a curiosidade trasládase á vinificación e á actividade dos enólogos, fascinado co súa gran cantidade de probetas, matrices e demais material para a análise de mostos e viños. Cando era posible tamén acompañaba os meus pais en viaxes que me permitiron coñecer diferentes realidades e ter unha perspectiva máis ampla do sector. Todo iso facilita a miña incorporación na adega, o inicio dunha substitución xeracional e o espertar de inquedanzas respecto ás posibilidades de vinificación da uva Albariño, o cal deriva no desenvolvemento dos primeiros viños espumosos da DO Rías Baixas.
A adega está situada no corazón do Val do Salnés, considerada o berce da variedade Albariño. En 1989 incorpórase á recentemente creada DO Rías Baixas, o que supón a modernización da infraestrutura e o seu desenvolvemento tecnolóxico, propiciando novas melloras nos procesos de vinificación, co fin de elaborar viños de maior calidade. Nesa procura da excelencia, é clave o delicado coidado da uva, cunha produción propia proveniente dos viñedos familiares e outros que se foron incorporando ao longo deste tempo, e tamén a colaboración con outros viticultores do Salnés.
Entre os nosos produtos destacamos Feitizo da Noite, viño premiado co Acio de Ouro na categoría de espumosos nas Catas de Galicia 2021. Trátase dun Albariño BRUT, un novo concepto de viño DO Rías Baixas, un espumoso sorprendente, orixinal, unha grande expresión da variedade Albariño.
A súa elaboración é a fusión do método tradicional dos champagne franceses ou os cava españois, onde se realiza unha segunda fermentación e posterior crianza do viño na mesma botella, con todo o potencial e elegancia da uva Albariño do Val do Salnés. Este Albariño BRUT é fresco, moi saboroso, con suxestivas notas de froita de óso e cítricos lixeiramente confeitados, aromas flores brancas, tacto cremoso en boca entre a súa divertida e fina burbulla. Feitizo da Noite evoca a esencia enigmática e intrigante dun Albariño BRUT, a natureza sedutora e sofisticada dun espumoso e a maxia atrapada nas súas burbullas, sen esquecer, a personalidade da súa orixe galega.
Lugar de Ameiro, 17 · Dena
36967 · Meaño
Pontevedra