María Cuba

Son María Cuba Alonso da Queixería Don Crisanto, situada na parroquia de Lanzós no concello de Vilalba. Formo parte desta empresa familiar, fundada no ano 1990 polos meus pais: Crisanto e Dolores. Foron eles os que decidiron arriscarse e iniciar este proxecto queixeiro coa idea de mellorar a economía familiar, transformando o leite de produción propia, xa que nese momento contaban cunha pequena explotación de vacas. Corrían tempos difíciles e como tiñan tres fillos, José Ramón, Rocío e mais eu, María, que son a máis nova, pensaron que sería unha boa idea para axudar a sacalos adiante. A día de hoxe, mantemos a nosa propia explotación de vacas, xestionada polo meu irmán José Ramón, da que obtemos o leite para elaborar os nosos queixos. A miña irmá Rocío e máis eu encargámonos da queixería, sempre coa supervisión e axuda dos nosos pais. 

Xa polo ano 1990, cando rematabamos as nosas tarefas no colexio, e sendo aínda moi pequenos, axudabamos na casa, tanto na explotación de gando coma na queixería. Quizás por iso, cando rematamos os estudos, os tres tivemos moi claro que queriamos continuar axudando os nosos pais, dándolle continuidade ao proxecto que eles comezaron e vivir no rural. Grazas a que os nosos queixos encaixaban ben cos gustos dos clientes, a demanda foi crecendo e a aposta por formar parte da empresa foi cada vez máis decidida.

Nos comezos o noso mercado abarcaba só Galicia, pero co paso do tempo aumentamos a venda dos nosos produtos no resto de España, e a día de hoxe tamén exportamos.

Para min, traballar no rural  é un luxo e un privilexio. Podemos desfrutar da natureza, da tranquilidade, da comodidade e, como non, de toda a boa xente que nos rodea, cheos de bos produtos e  boa gastronomía. Animo a toda a xente nova a que aposte polo rural. Que dende a Administración se poñan as cousas máis sinxelas e se dean facilidades para que os mozos e as mozas queden na zona. Que se a terra non se traballa, non hai produtos, e sen produtos non hai vida.

María Cuba. Queixería Don Crisanto
A miña queixería

Na nosas instalacións transformamos en queixo todo o leite producido na propia explotación, na que os animais pacen libremente nos mellores pastos. Ademais compramos leite a outros gandeiros da zona da Terra Chá. É un leite de moi boa calidade, ingrediente base para poder facer un bo produto.

A nai de Crisanto xa facía os queixos de San Simón da Costa na súa propia casa. Así que, como somos descendentes de familia queixeira, mantemos a tradición nas nosas elaboracións, axudándonos dos avances tecnolóxicos para acadar a máxima calidade do produto. Contamos cunha zona para o almacenamento do leite, unha sala de elaboración, unha cámara de salgado, tres cámaras de maduración, unha cámara para o afumado do produto, a zona de limpeza, a zona de envasado e unha pequena tenda propia para vender e atender directamente os nosos clientes.

Queixería Don Crisanto
Os meus produtos

Entre os nosos produtos cabe destacar o queixo amparado pola DOP San Simón da Costa. É o noso produto estrela, que supón unha gran porcentaxe das nosas vendas. É un dos queixos máis prezados e demandados polos nosos clientes, produto que elaboramos coas nosas mans, con sinxeleza, amor e esmero. Xunto co queixo amparado pola DOP Queixo Tetilla, é cos que nos sentimos máis galegos. Contamos con numerosos galardóns que recoñecen a calidade destes produtos. Distincións acadadas en catas-concursos de recoñecido prestixio, tanto a nivel autonómico, nacional como internacional (Cata dos Queixos de Galicia, Mellores Queixos de España-Ministerio, Premios Cincho, World Cheese Awards...). Tamén facemos outro tipo de queixos, segundo a demanda dos nosos clientes: queixo curado, de barra, requeixo...

  • Queixo DOP San Simón da Costa (tamaño de 1 kg aprox.): queixo tradicional, curado e afumado con madeira de bidueiro. Ten un mínimo de 45 días de curación. Pasta semidura e textura cremosa, sabor suave e pouco graxo. Queixo ideal para fundir, para cociñar con todo tipo de carnes, salsas e peixes. Ideal para acompañar cun viño galego.
  • Queixo DOP San Simón da Costa "Bufón" (tamaño de 0,5 kg aprox.): queixo tradicional, curado e afumado con madeira de bidueiro. Ten un mínimo de 30 días de curación. Pasta semidura e textura cremosa, sabor suave e pouco graxo. Queixo ideal para fundir, para cociñar con todo tipo de carnes, salsas e peixes. Ideal para acompañar cun viño galego.
  • Queixo DOP Queixo Tetilla: queixo graxo madurado, de pasta branda, sabor lácteo suave, cun lixeiro toque ácido, pouco salgado e padal manteigoso. Un bo queixo para comer só, con pan, con marmelo ou con Mel de Galicia.

Atópanos

Enderezo

Moreda, s/n · Lanzós
27816 · Vilalba
Lugo

Coordenadas
43.36871, -7.634768

Queres estar á última das experiencias calidade?