ARTELAC
Queixería ARTELAC
DOP Arzúa-Ulloa
Son Antonio Ferreiro Ferreiro, teño 52 anos e no concello de Antas de Ulla teño a miña explotación agrogandeira. Actividade que desenvolvo de forma sostible, con eficiencia no emprego dos recursos dispoñibles, consumo de materias primas de proximidade con tendencia á autosuficiencia enerxética.
No ano 1990 despois de rematar os meus estudos, fíxenme cargo da explotación familiar e no ano 1993 puxen en marcha a queixería onde se producen e comercializan queixos elaborados con materia prima propia. A orientación produtiva principal da explotación é de vacún de leite, aínda que tamén dispoño de vacún de carne. Contamos cunha base territorial dunhas 80 ha aspecto fundamental para a alimentación do noso gando. A Queixería Artelac está moi vinculada á produción xa que transforma o leite da explotación en diversos tipos de queixo.
Valoro poder desenvolver unha acividade laboral desfrutando desta contorna rural. Tamén me sinto satisfeito da miña achega ao mantemento da explotación familiar, pero cun enfoque máis moderno e viable, con diversificación das orientacións produtivas da explotación gandeira e coa transformación da materia prima na propia explotación. Deste xeito xogo un papel activo para evitar o despoboamento do rural, coa creación de emprego e a revitalización do medio.
Artelac coida a materia prima (o leite) e o produto (o queixo) e a contorna co mesmo esmero; aposta polas enerxías renovables nos procesos produtivos (biomasa, xeración eléctrica eólica –fotovoltaica, bombeo eólico e solar).
Artelac é unha queixería amparada pola DOP Arzúa- Ulloa, onde se manteñen técnicas de elaboración tradicionais utilizando a tecnoloxía máis avanzada que garante un produto homoxéneo e de calidade, pero que conserva ao mesmo tempo as características físicas e organolépticas dos queixos artesáns.
Na actualidade, a queixería transforma uns 500.000 litros de leite ao ano, en distintos tipos de queixo, a maioría amparados pola DOP Arzúa – Ulloa.
Baixo a marca ARTELAC, nas instalacións elabóranse distintos tipos de queixos. Entre eles destaca o Arzúa‐Ulloa curado, queixo tamén coñecido como queixo da nabiza, queixo do tempo dos nabos ou queixo do ano. Ten un período de maduración mínimo de seis meses. Con el conseguimos a distinción de Ouro na categoría DOP Arzúa-Ulloa curado nas Catas de Galicia 2021.
Outeiro · Amoexa, 3
27579 · Antas de Ulla
Lugo