Adrián

Son Adrián de Queixos Castelo de Brañas, teño 33 anos e pertenzo a unha familia de gran tradición queixeira. No ano 1989 arrinca o proxecto da nosa pequena empresa familiar, a partir dunha aposta pola recuperación do produto que hoxe coñecemos como queixo DOP Cebreiro. Unha iniciativa arriscada dende o medio rural na procura da calidade e a excelencia dun produto cunha longa historia pero que se atopaba abocado á desaparición.

Desenvolver a nosa actividade dende o medio rural permítenos presentar moito máis que un queixo, posto que o que estamos a ofrecer é un produto tradicional cheo de historia e acompañado dos valores vencellados a nosa contorna máis próxima, as montañas do Cebreiro. A pesar de todo o bo que supón traballar dende o rural, tamén debemos salientar as dificultades que atopamos para levar a cabo nosa actividade produtiva. O consumidor debe coñecer cal é a nosa realidade para entender e valorar o que lle estamos a ofrecer, descubrir así como cada produto dun pequeno produtor do medio rural  garda moito máis do que describen as súas características físicas ou organolépticas.

Posiblemente o aspecto máis reconfortante que atopamos no noso día a día é o feito de que non só estamos a manter viva unha tradición, senon que estamos a darlle forma participando coa nosa propia historia. Cómpre lembrar que ese concepto de rural tantas veces manido, fai referencia a un territorio vivo no que nós, a súa xente, podemos afirmar sen complexos que somos o seu principal valor. 

Adrián. Queixos Castelo de Brañas
A miña queixería

Estamos na entrada do Camiño Francés en Galicia, na localidade lucense de Pedrafita do Cebreiro, entre as montañas dos Ancares e O Courel. Un lugar rodeado de pastos verdes onde pastan as vacas, onde o tempo pasa amodo e os pequenos detalles toman protagonismo. O medio influíu notablemente no modelo de negocio desta queixería, onde se aposta firmemente pola diferenciación do produto e pola excelencia na calidade. O coidado máximo polo detalle, que por un lado lles impide deixar de ser unha pequena empresa familiar, permítelles comercializar un produto senlleiro que cumpre con todas as garantías hixiénico-sanitarias e de calidade dende a súa fundación. A nosa queixería aposta pola diferenciación a partir do coidado dos pequenos detalles, que aínda que limitan a súa capacidade produtiva, si que permiten garantir a calidade dun produto tradicional: “Poucos pero ben feitos”.

Queixos Castelo de Brañas
Os meus produtos

O queixo DOP Cebreiro Castelo é un queixo de pasta branda, branca e granulosa, elaborado con leite pasteurizado de vaca.  O seu sabor e aroma lembran ao leite do que procede, lixeiramente ácido, das razas rubia galega, pardo alpina, frisona e ós cruzamentos entre elas. A súa característica forma de fungo ou gorro de cociñeiro divídese en dúas partes, cunha base cilíndrica e un sombreiro marcado polas egurras dos panos que dotan de identidade a cada peza facéndoa diferente. Unha característica que acompaña e reforza a singularidade do produto.

A tradición, o medio rural e a aposta por un sistema de elaboración tradicional permitiron presentar un produto singular, capaz de sorprender tanto pola súa forma como polo seu sabor. 

Máis de trinta e tres anos despois dos seus comezos, Castelo de Brañas preséntase coma un proxecto estable que ten obtido múltiples premios e distincións tanto no ámbito autonómico coma no nacional, recoñecendo unha forma de traballar na que a única meta é alcanzar a excelencia do produto a través do respecto pola tradición.
 

Atópanos

Enderezo

Camín da Feira, s/n
27670 · Pedrafita do Cebreiro
Lugo


Queres estar á última das experiencias calidade?