SON DE ARRIEIRO
Xulia Bande. Julia Mar Bande Pivida
DO Ribeiro
Son Xulia Bande colleiteira do Ribeiro dunha pequena adega familiar que elabora de 12.000 a 15.000 botellas dependendo do ano. O noso tipo de elaboración son viños de garda, viños naturais e procuramos ser o máis respetuosos posibles co medio ambiente e co noso traballo.
Eu cheguei a este mundo por casualidade xa que debido a falta de man de obra decidín montar unha empresa de servizos e pasados 14 ou 15 anos despóis de estar traballando con diferentes adegas de Galicia e norte de Portugal decidín facer o meu viño.
Para min é unha gran satisfacción traballar no rural porque da moita ledicia traballar e vivir do que che gusta facer, e moito máis cando eres recoñecido con diferentes premios acadados en distintos concursos e que esperamos seguir conseguindo.
O motivo de que este proxecto se levase a cabo foi pola admiración e respeto que sempre sentín polo traballo e o bo facer do meu avó. Esta é a miña pequena homenaxe a él , e a todos os`` arrieiros” que coma él fixeron que o ribeiro voase fora das nosas fronteiras a lombos das súas mulas.
Ao herdar as propiedades dos meus avós, empezou a nosa aventura. Na actualidade contamos con 4 ha en bancais moi pronunciados, nos que cultivamos exclusivamente as uvas coas que elaboramos SON DE ARRIEIRO.
Sendo a zona de moi difícil acceso, foron quedando abandonadas as leiras que tiñamos ao redor, co cal non hai viñedos preto das nosas parcelas que poidan contaminar o noso tipo de agricultura. O noso principal obxectivo é o respecto ao medioambiente e ao noso produto. Para iso utilizamos practicas naturais, rexeitando calquera tipo de tratamentos sistémicos ou herbicidas, acaricidas, etc… A vexetación do chan é controlada mediante pastoreo no inverno e rozas en épocas de vexetación. Nas nosas parcelas non se realizan labores de fondo, polo que a cuberta vexetal mantense todo o ano. Da mesma forma coidamos que os nosos viños sexan naturais, con personalidade, diferentes. Cremos que para facer un bo viño é suficiente ter unha materia prima excepcional ``O viño faise bo ou malo na viña” Para iso traballamos a un rendemento moi baixo ao redor de 1 kg por planta, sendo o 50% da nosa produción de plantas de 50 a 80 anos, nas demais inxertamos variedades da zona algunhas delas practicamente desaparecidas e que hoxe, por fin, despois de todos estes interminables anos de tantos sacrificios fan que podamos ver …. O noso SOÑO EMBOTELLADO
SON DE ARRIEIRO
Viño branco elaborado coas variedades: treixadura, lado e loureira.
Fase visual: Limpo e brillante, de cor amarela con lixeiros escintileos verdosos.
Fase olfactiva: Aroma limpo e intenso, elegantes afumados e sutís tostados que se mesturan con aromas característicos das principais variedades brancas galegas -froitas de óso, pexego, mazá verde e leves notas florais-.
Fase gustativa: Excelente persistencia e frescura natural, sen arestas, cunha madeira sutil que lle imprime carácter, complexidade e un agradable recordo aromático.
Maridaxe: Todo tipo de pescados e carnes. Moi versátil, harmoniza á perfección con gran variedade de pratos.
SON DE ARRIEIRO
Viño tinto.
Fase visual: Limpo e brillante, de cor vermella cereixa con escintilacións violáceas.
Fase olfactiva: Aroma intenso, moi complexo e elegante con predominio de froitas vermellas tipo cereixa, framboesa e granada.
Fase gustativa: Con boa estrutura, ben equilibrado, persistente, de boa taniciade e con alta intensidade froiteira.
Maridaxe: Moi versátil, marida á perfección con todo tipo de carnes e pescados graxos.
A Veiga, 11
32427 Leiro
Ourense