Tania

A miña responsabilidade en Bodegas Petrón é a elaboración, coidado e embotellamento do viño coa supervisión do enólogo da nosa adega. Ademais realizamos visitas guiadas como parte do proxecto de enoturismo coordinado pola DO Ribeira Sacra.

Durante a visita guiada á adega descubrirás o proceso de elaboración dos viños Petrón e aprenderás moitos conceptos relacionados coa produción do viño e a súa cata.

A miña relación co mundo do viño vén da miña infancia cando o meu avó me ensinou os segredos da elaboración dos viños da Ribeira Sacra, para máis tarde formarme no mundo vitivinícola, un mundo do que resulta imposible saír.

A miña historia coa Ribeira Sacra está no amor por esta terra, os seus ríos, os seus viñedos, e a súa singularidade que se transmite a uns viños de excelente calidade.
 

Viña Bodegas Petrón
A miña Adega

Bodegas Petrón nace en 2005 e está situada en Doade (Sober), en pleno corazón da Ribeira Sacra.

A adega é propietaria de diferentes viñedos nas ribeiras do río Sil con abundantes cepas que sobreviviron ao paso do tempo e que se manteñen en plena forma para proporcionar uva de gran calidade, principalmente da variedade Mencía.

Precisamente, o noso viño máis destacado, Prómine, está elaborado con uva Mencía de produción propia.

Tania de Bodegas Petrón
Os meus produtos

Os nosos viños son elaborados nunha adega de arquitectura moderna e pertencen á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Están catalogados como viños de Amandi.

Actualmente temos 4 viños: Prómine. Prómine Singular, Prómine Rosado e Prómine Barrica.

Prómine é un viño limpo e brillante, de capa alta, cor vermella cereixa con reberete violáceo. Cun aroma de boa intensidade, moi complexo e elegante, claro predominio de froitas vermellas (ameixa, amora e framboesa) sobre sutís notas florais, con boa estrutura, ben equilibrado, persistente, tanino nobre e con alta intensidade a froita.

Prómine Rosado é un viño de aspecto limpo e brillante, con cor rosa pálida de baixa intensidade. Destaca a súa intensidade e elegancia, predominio de froitas vermellas silvestres sobre sutís notas cítricas. En boca destaca pola súa frescura e persistencia, que vén dada pola súa acidez ben integrada así como por marcado carácter froiteiro.

Prómine Singular posúe un aroma intenso e de marcada complexidade, predominan as froitas maduras e balsámicos. Destaca pola súa estrutura, equilibrio e harmonía, cun bo paso en boca e longo recordo aromático.

Prómine Barrica é limpo e brillante, de capa media e cor vermella cereixa. Cun aroma sutil e elegante onde se mesturan os recordos a olivas negras e a arandos, con lixeiras notas dunha coidadosa crianza.

Atópanos

Enderezo

Lugar de Francos, s/n 27424 · Doade Lugo

Coordenadas
42.418335, -7.477181

Queres estar á última das experiencias calidade?